Menu Xerais

«Sol de Inverno»: memoria, lirismo e emoción

Ramón Nicolás publicou o pasado sábado, 3 de outubro, nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, a primeira crítica de Sol de Inverno, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais 2009.

Baixo o título de «Memoria, lirismo e emoción», Nicolás comeza o seu texto expresando que é «unha novela de amplo alento, esplendidamente elaborada e que se defende por si mesma», salientando no seu remate que «o deseño rotundo dos personaxes han ficar na memoria de quen os queira coñecer».

Polo seu grande interese, reproducimos completo o texto do crítico vigués:

Memoria, lirismo e emoción

As decisións dun xurado constituído por lectores pode ter, para ben e para mal, probablemente coma se doutro xurado máis profesional se tratase, as súas vantaxes e inconvenientes. O Xerais de novela réxese polo primeiro criterio amentado e, como ocorre con outros galardóns, hai casos en que se acerta máis, e talvez outros menos. Nesta ocasión teño para min que o xurado gozou cunha novela que quixo converter en premio e presentarlla con esta bitola aos seus potenciais lectores.
Rosa Aneiros, así pois, subscribe con este Sol de Inverno unha novela de amplo alento, esplendidamente elaborada e que se defende por si mesma; unha novela de personaxe mais tamén  de protagonismo coral; unha novela que conxuga a emoción na que alentan a totalidade dos personaxes cun coidado escenario histórico e espacial recoñecible e máis ou menos próximo que permite percorrer, a través da memoria, os socalcos da vida de Inverno,  desde a súa infancia e mocidade ata a chegada da guerra civil, desde a fuxida a Barcelona, pasando pola estadía en Francia ata o embarque cara a México no coñecido “Ipanema” e concluír nas vivencias dos días cubanos xunto coa volta á vella Europa…
Todo isto mercé a máis de cincuenta fragmentos narrativos que constrúen e anoan a historia dunha vida pola que camiñamos desde o lugar de “Antes”, onde sempre se configurará a necesidade da memoria e no que se debulla algo máis ca o espazo no que uns personaxes botan a andar e a vivir, coa traxedia a lles golpear na cara. É en Antes onde agroma a silueta dunha nena que entende a morte, tamén a traxedia, como algo co que cómpre convivir á forza. Desde eses tempos, previos á guerra civil, trázase unha liña vital tortuosa en moitas ocasións, esperanzada noutras, mais sempre alimentada por numerosas historias de percorrido máis sintético ou breve constituíndo unha sorte de fervenza narrativa: mil e un meandros que vai deixando, sempre, un pouso permanente.
Ao meu ver, a novela goza de dous momentos moi destacados como son, por un lado, os capítulos referidos á estadía de Inverno e a súa familia na Barcelona resistente en plena guerra civil pois este cadra co madurecer definitivo da protagonista a un mundo no que vai, finalmente, coñecerse a si mesma e coñecer o seu pai, man a man con Félix Muriel (homenaxe nada agochada a Dieste), Líster, Castelao ou Ian, aquel brigadista internacional… Por outra banda, as odiseas familiares e persoais vividas na posguerra, conducen a outra sección, especialmente coidada e intensa tanto polo excepcional do traballo de ambientación e descrición que nel se advirte como pola paixón que aquí latexa por espellar con limpeza un universo como é o da Cuba e da Habana dos anos corenta.
Para finalizar cómpre non esquecer o exquisito coidado depositado no ritmo e na expresión, que esvara cando é preciso no ámbito de certo lirismo, suturado con solvencia e pericia no rexistro narrativo. Unha proposta, en fin, que desenguedella con naturalidade ese novelo que é o pasado mercé ao deseño rotundo e intenso duns personaxes que han ficar na memoria de quen os queira coñecer. Ramón Nicolás

Pódese ler un adianto de Sol de Inverno aquí.

Comentarios pechados