Menu Xerais

Suso de Toro fala de «Sete palabras»

No transcurso do café de redacción con Suso de Toro, publicado o pasado domingo por Xornal de Galicia, o autor compostelán fala da aparición da súa vindeira novela titulada Sete palabras.

Teño dous libros por diante, un algo por azar e outro intencionado. Nun fago unha selección de textos sobre arte e sociedade. Interesábame porque en castelán eu era coñecido como un novelista e agora como un opinador que anda en moitas frontes. Quería que os meus lectores en castelán puideran saber que escribía novelas ou relatos pero ao tempo reflexionaba. Sae en edición dixital pola crise e ademais era algo que me apetecía probar. O libro chámase Andar Tropezando. O outro libro viña de antes, dun aspecto moi metido dentro de min. En moitos dos meus libros os protagonistas sempre investigan o pasado, e eu empecei a buscar o meu pasado familiar. O libro é unha investigación que acabou sendo unha novela. Quixen saber ata quen era o meu avó, que non o sabía. Unha noite en Toro deime conta de que non sabía como se chamaba o pai do meu pai. É curioso como as historias familiares convértense en ocultas e o libro empezou así e acabou sendo unha novela de ficción. Acabei chamándoo Sete Palabras.

Velaí a presentación que da novela realiza a editorial:

Esta nova novela de Suso de Toro tómanos da man desde o comezo e fai que, empurrados pola intriga e pola emoción da súa lectura engaiolante, acompañemos ao protagonista nunha estraña viaxe cara á orixe para desvelar as claves da identidade persoal. Este relato é unha investigación radical e íntima, unha historia de familia, un retrato particular e colectivo dos humildes onde se acrisolan os diferentes xéneros literarios para achegarnos a esencia da vida. O autor fainos pasar da reflexión ao sorriso, con bravura e con tenrura, atopando nas experiencias da pobreza e da vida máis humilde as referencias primeiras que fundan a cultura occidental. Os lectores e lectoras agardan que Suso de Toro corra riscos con cada libro e afronte novos desafíos estéticos e temáticos. Esta novela sorprendente non defrauda estas expectativas xa que Suso de Toro, como fixera en Polaroid, Tic-Tac ou Trece badaladas, traza unha nova fronteira literaria.

Sete palabras aparecerá nas librarías na primeira semana de novembro, coincidindo coa súa publicación en formato e-book.

A foto de cuberta é de Delmi Álvarez.

Comentarios pechados