Menu Xerais

Talento artístico: «A illa de todas as illas», de Xabier P. DoCampo. Artigo de Pablo Vaamonde

Pablo Vaamonde publicou en Praza Pública un artigo sobre sobre A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo, ilustrado por Xosé Cobas.

 

 

A Illa Navalleira

Xabier P. Docampo e Xosé Cobas dannos unha nova mostra do seu talento artístico. O primeiro como autor do texto e o segundo, das fermosas ilustracións, veñen de publicar A illa de todas as illas (Xerais, 2013), un relato breve que narra as aventuras de tres rapaces extraviados nunha pequena illa cuberta por unha néboa densa que non lles permite retornar ao lugar onde os agardan os seus maiores. Neste ambiente fantasmagórico o tempo detense e os tres nenos, no seu deambular errático, atópanse con diversos personaxes extraídos da literatura universal: alí están dende o Capitán Nemo e Robinson Crusoe ata o coxo John Silver.

Poderíamos interpretar a narración en clave metafórica. Todos nós podemos sentirnos como eses nenos temerosos, andando sen rumbo no medio da néboa sen atopar o camiño correcto para fuxir deste tempo de incerteza e desesperanza. Tamén nós podemos percibir as gadoupas do medo apretándonos o peito ante os sucesos do noso percorrido que sempre semellan ameazantes. Mais penso que os autores pretenden, sobre todo, facer unha homenaxe aos libros de aventuras e máis concretamente aos que acontecen nunha illa. O libro quere ser un emocionado convite a ler eses libros (Robinson Crusoe, A illa misteriosa, O señor das moscas, A Illa do Tesouro, etc.) que nos levan a mundos ben distintos do noso para coñecer vidas e personaxes diferentes que habitan por un tempo a nosa imaxinación e nos van conformando como persoas. Tamén os nenos que protagonizan esta historia xa non serán os mesmos cando rematen esta viaxe.

Dicía Sartre que o mundo podería existir perfectamente sen a literatura. Pero Borges dixo que “uno no es lo que es por lo que escribe, sino por lo que ha leído” e mesmo hai quen dí que somos o que lemos. Se cadra é algo esaxerado, sobre todo se temos en conta que hai moita xente que nunca le (en Galicia a metade da poboación non merca ningún libro no ano). Pero os que temos o vicio da lectura sempre gardaremos na memoria, e no corazón, algún libro que nos marcou no seu día e que nos axudou a nos construír coma seres humanos. Eses son os textos que recorda e homenaxea Docampo neste libro, no que utiliza a súa habilidade narrativa para integrar a personaxes da literatura universal no relato e construír unha fábula sinxela e amena que nos atrapa desde o principio.

Xabier P. Docampo fai unha demostración da súa mestría literaria e da súa erudición; o libro remata cun longo epílogo (“Viviremos, se queremos, nunha illa deserta”) no que fai un documentado percorrido polos libros e os personaxes que utilizou para elaborar este relato. Xosé Cobas deixa patente, unha vez máis, que é un dos mellores ilustradores deste país. A colaboración estreita destes dous autores ven de lonxe. O seu entendemento profundo e a súa complicidade faise evidente neste libro no que texto e ilustracións compleméntanse á perfección. Despois do marabilloso Libro das Viaxes Imaxinarias (Xerais, 2008) entregan agora este fermoso libro que é, sen dúbida, un dos mellores regalos que se poden facer nestas datas de Nadal.

Pablo Vaamonde

Deixa un comentario!