Menu Xerais

Temas actuais tratados con naturalidade : «O corazón de Xúpiter», de Ledicia Costas, Crítica de Rocío Moar

Rocío Moar Quintela publicou o pasado xoves nas páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas.

 

  O corazón de Xúpiter

 

Sutís pegadas

Con naturalidade

Tras o éxito acadado con Unha estrela no vento, Ledicia Costas (Vigo,1979) vén de publicarO Corazón de Xúpiter. Esta narradora e poeta, que compaxina a creación literaria co labor cinematográfico e visual, foi merecedora de varios premios tanto pola súa obra individual como por numerosos traballos colectivos.

Isla ten que enfrontarse a unha nova vida noutra cidade. Aínda que non é doado, vai contar coa axuda de amigos e sobre todo coa ilusión dun novo amor, un rapaz que coñeceu no foro de astronomía e co que comparte a afección polos astros. Casiopea, como fai chamarse, soña con coñecer a Xupiter, a súa alma xemelga. Ao longo dos capítulos a autora vai deixando sutís pegadas que anuncian o desenlace, mantendo o interese do lector e engaiolándoo coas lendas que axudan a tecer a trama principal. A fermosa e estremecedora imaxe das medusas flotando na escuridade do océano semella anunciar o destino dos personaxes.

A amizade e o amor fronte a realidades cotiás coma o acoso, as drogas, a soidade e o aillamento, a identidade na rede, a morte… Temas actuais tratados con naturalidade que nos fan reflexionar. Cada capítulo vén aderezado por fermosos textos que convidan a novas lecturas.

Rocío Moar Quintela

Comentarios pechados