Menu Xerais

Terror e alegación ecolóxica: «Trampa de luz», de Agustín Agra. Crítica de Armando Requeixo

Armando Requeixo publica no seu blog unha recensión sobre Trampa de Luz, de Agustín Agra, editado na colección Fora de Xogo.

 

Necromicónica

Agustín Agra forma parte dese escolleito grupo de escritores biólogos que, nos últimos lustros, teñen enriquecido notoriamente a nosa escrita de aventuras, intriga e terror. No haber deste escritor noiés cóntanse xa algúns títulos xuvenís ben interesantes (O tesouro da Lagoa de Reid’Is, 2006; Cazaría salvaxe, 2008; A treboada de C, 2009; ou O recendo das mimosas, 2009), aos que agora se engade Trampa de luz, noveliña curta ou relato longo, como se prefira, que explora a cerna do medo dende a herdanza do vello mestre Lovecraft.

Como unha homenaxe ao escritor de Providence, Trampa de luz desenvolve unha historia protagonizada por unha rapaza de espírito curioso que acaba por descubrir a relación que gardan os estraños sucesos acontecidos na súa vila cos relatos míticos de seres terroríficos que se describen nalgúns dos libros que hai na biblioteca de seu pai.

Unha vez que se establece o pacto de lectura que suspende o xuízo sobre a credibilidade da sapientísima narradora xuvenil e que se dá por boa a articulación da estrutura un moito cumulativa, a narración de Agra flúe con agrado ata o desvelamento final dun misterio que engaiola xustamente polo seu vincallo coa tradición lovecraftiana.

Alén diso, Trampa de luz é tamén unha sutil alegación ecolóxica, que nos lembra a marabilla da biodiversidade que nos rodea e a catástrofe natural que supón o desleixo e, aínda peor, as agresións das que tantas veces é obxecto, ao tempo que espella positivas consideracións sobre a necesidade da comunicación interxeracional e mais a cohesiva vida nos espazos (semi)rurais.

Boa mostra de narrativa de medo e aventura, de prosa áxil e chea de sorpresas pola que cómpre saudar a Agustín Agra.

Armando Requeixo

Comentarios pechados