Menu Xerais

Terror e tensión, estupenda mostra de novela gráfica: «Cartas de inverno», de Antonio Seijas. Crítica de Montse Pena Presas

Montse Pena Presas publica hoxe nas páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre a novela gráfica Cartas de inverno, de Antonio Seijas, baseada na novela Agustín Fernández Paz.

 

Unha acertada proposta

Con personalidade propia

Quen sabiamos que Antonio Seijas estaba a adaptar á linguaxe da novela gráfica a impactante Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, agardamos o resultado co interese e expectación que sempre espertan as transduccións da literatura noutras linguaxes creativas. Neste caso, as pegadas de ambos autores modélanse mutuamente para dar á luz un libro singular, con personalidade propia, que –sen perder unha pinga do seu alento orixinal– engade novas significacións.

O característico estilo deste ilustrador, abondo experimentado en cubertas e carteis e tamén xa cunha certa vagaxe en dotar de imaxes a libros infantís –boa mostra son A casiña de chocolate ou Amar unha serea–, facía pronosticar que as tinturas lovercraftiás do texto se potenciarían. Porén, Seijas vai máis alá, elaborando unha axeitada e precisa recreación de ambientes, fiel á descrición do texto orixinal e profundamente evocadora. A paleta de cores empregada –baseada nos azuis, negros e grises– potencia o terror e a tensión dunha historia que segue gañando co tempo. A secuenciación da narración, especialmente complicada polo peso que ten a comunicación epistolar nunha gran parte da mesma, é outro dos grandes acertos desta proposta. Unha estupenda mostra, entón, do que os nosos creadores saben facer no eido da novela gráfica.

Montse Pena Presas

 

Deixa un comentario!