Menu Xerais

«Todo o tempo do mundo» de David Pérez Iglesias, premio Merlín de LIteratura Infantil 2016

O xurado da XXXI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 33 obras, formado por: Noelia Candal Suárez (bibliotecaria na Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas de Vigo), Marcos Viso (ilustrador), Amparo Ramilo Costas (libreira na librería Librouro de Vigo), Marta Neira Rodríguez (profesora da Escola Universitaria de maxisterio CEU de Vigo e da Facultade de CC da Educación da USC, membro da Red Temática de Investigación LIJMI), Mónica Fernández López (profesora e artista) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentados cos lemas «Os nomes», «Recollerás estrelas fugaces» e «Turrón».

Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Os nomes», que, despois de aberta a plica, resultou ser de David Pérez Iglesias e corresponde ao título «Todo o tempo do mundo».

 David Pérez Iglesias

David Pérez Iglesias (Ames, 1962) é escritor, guionista e profesor de lingua e literatura no IES de Porto do Son. Como narrador publicou os libros O pergameo de Elir (1987); Estación Término (Xerais, 1993), premio de relato Cidade de Lugo; e Cando veña a noite (2005), premio Antón Avilés de Taramancos. Algúns dos seus relatos forman parte de obras colectivas como «Samago, Fascismo» de Tecendo Panos (2000), premio Manuel Murguía de narracións breves; «Mares do Sur» de Paisaxes e palabras (2001) e «Vidros» d’ A garza insomne (2016). É responsable da canle de vídeo SonCine, traballo de innovación educativa polo que foi premiado pola Consellaría de Educación e a ASPG.

«Todo o tempo do mundo»

No seu ditame o xurado da XXXIª edición do Premio Merlín de literatura infantil sinalou: «Todo o tempo do mundo é unha novela realista, narrada en primeira persoa por unha moza preadolescente, aínda que na obra tamén existen outras voces de gran relevancia, tal é o caso da voz do avó Valente, un ancián pouco común cuxo nome anticipa o seu carácter.

Situada no século XXI, a historia narra a experiencia vital de Ariadna, que ve como o seu mundo na cidade se esborralla e como os seus referentes (o pai e a nai, os amigos, a casa…) van desaparecendo de xeito inesperado e paulatino sen que ela poida evitalo. Estes acontecementos obrígana a percorrer un longo camiño, tanto real como metafórico, cara a un lugar alleo para ela, a aldea onde naceu seu pai e onde aínda vive o seu avó. É este un percorrido vital, unha descuberta da terra dos seus, dos costumes do rural, das súas propias raíces nas que atopará un avó practicamente descoñecido que conseguirá que, nos vinte días que conviven, Ariadna se converta no enxerto que con forza prende na centenaria árbore familiar dándolle continuidade á estirpe.

O autor ou autora amósase bo coñecedor do léxico, da antropoloxía, da mitoloxía, das lendas e da cultura do rural galego. Describe con excelencia os costumes dos labregos e labregas que levantaron este país e aínda reclaman o valor da terra protexéndoa. Ese rural é reivindicado en cada páxina desta novela, en cada unha das súas liñas, trasladando o lectorado a un mundo que case nos resulta alleo e lonxincuo por non vivilo, por non practicalo, por non recordalo, por non mencionar eses nomes que bautizan cada ferrado de terra do noso país… mais que, hoxe en día, por diferentes motivos, se torna necesario coñecer.

 Todo o tempo do mundo é unha novela que describe de qué estamos feitos, cómo se conforma a propia vida e onde, con quen, ou como ordenamos prioridades. Trátase dun relato que bebe de fontes clásicas universais (a mitoloxía clásica, por exemplo, está presente xa dende o propio nome da protagonista), ao tempo que se sitúa na liña de obras galegas que se achegaron ao tratamento do rural galego, como Memorias dun neno labrego (1961), novela xa clásica na Literatura Infantil e Xuvenil galega, de Xosé Neira Vilas, ou Tonecho de Rebordechao (2004), de Breogán Riveiro. Un relato que se achega ao mundo rural galego, en certo senso, dende unha ollada diferente ao que o lectorado está acostumado, dende unha ollada feminina, e que afonda nas relacións familiares e no abandono das mesmas.

É en definitiva, unha lectura das que, seguindo a C.S Lewis, valería a pena ler aos dez e aos cincuenta anos, pois é sabido, aínda que non sempre recoñecido, que “a literatura infantil é aquela que tamén poden ler os nenos”. comentado, que só é un pequeno petisco do que se pode atopar na obra, os membros deste xurado recomendamos que todos e todas vos acheguedes a esta novela, tocáravos nacer neste século ou no pasado.»

David Pérez Iglesias confesou cando soubo que fora premiado que «unha nena que lía o Merlín de Cunqueiro o outro día díxome, cando lle preguntei se lle gustaba: que curriño é! Que a xenerosidade do xurado acordase que a noveliña Todo o tempo do mundo merecía o Merlín comprométeme tanto como me enche. Gustaríame que algunha meniña dixese algo así desta noveliña. Unha emoción que non puidese ser mercantilizada. Que durase nela esa sensación de gratitude».

«Un libro é un camiño. Desexar que o camiño non remate, que te acolla e chame polo mellor de ti. Verte ensarillado nos camiños que outros andaron. Repousar nas encrucilladas coas outras historias. Porque ese é o noso relato e a nosa herdanza. O que di que estivemos aquí, e que o noso estar aquí tivo desexo e sentido, que non nos acovardamos, que andamos o treito que tocou, e que o camiño segue despois de nós.»

«Se da man destas palabras algunha meniña á volta da escola, ou algún patrón canso, ou unha traballadora alertada polas inseguridades da vida, comparten a emoción do encontro coa terra, a valentía da infancia, a convicción do que é xusto, a dignidade da palabra, a aperta confiada do idioma que nos deron, a nobreza da necesidade, eu terei feita a miña labor.»

«Un premio non é algo co que quedas, é un legado que acolles para dar a alguén que, no silencio da escrita e da lectura, soña as palabras dun novo camiño, dun relato futuro que somos nós, que nos compromete e dá sentido aos días da xente de noso. Por deixarme coidar un tempo deste legado, o Merlín, estou agradecido, e tentarei estar a altura da encomenda.»

«Todo o Tempo do Mundo é unha novela sobre a perda e o descubrimento. Unha nena que volve á aldea dos seus pais, onde xa só vive un avó que apenas coñece. Unha aldea no límite da desaparición, ameazada polas canteiras e o despoboamento. Nela cada xesto cotián ten a reverberación do único, do esencial. Da man do seu avó Valente, Ariadna abre os ollos a un mundo que é por ultima vez e a unha maneira de camiñar pola vida que durará sempre.»

Comentarios pechados