Menu Xerais

Tradición e modernidade: «O aprendiz do home do saco», de Antonio Reigosa. Crítica de María Navarro

María Navarro publicou nas páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre O aprendiz do home do saco, de Antonio Reigosa.

 

Tradición e modernidade

Aprendizaxes da vida

A figura tradicional do sacaúntos, empregada como argumento para asustar os nenos e obrigalos a que regresen cedo a casa aparece –neste texto da man de Antonio Reigosa (Xerais)– agora transformada en abnegado pai de familia que debe vagar polas rúas para procurarse o sustento, mentres que o seu fillo mozo, prototipo do“ninnin” actual pasa o día na casa estomballado, a agardar sen máis a hora do xantar, ata que aparentemente conmovido pola grave doenza do pai que lle impide saír traballar, accede a aprender os segredos do oficio, o manexo do saco e os trucos máis efectivos para cazar pícaros.

Considerándose xa preparado, o mozo bota man do conto da leiteira, sen decatarse de que unha cousa é o desexo e outra ben distinta a realidade, ,como amosan o decorrer dos acontecementos que dan co mozo metido no saco como meteron o gato que di a canción.

Da súa parte,a proposta plástica de Marta Álvarez Miguéns acompaña o texto nunha sorte de figuras e detalles que guiarán moi ben a lectura.

Así pois, estamos diante dunha mestura de tradición e modernidade que serve para ilustrar a idoneidade do pasado e os avances experimentados pola poboación. Iso si, terxiversados!

 María Navarro

Deixa un comentario!