Menu Xerais

«TSC Diario da noite» de Alfonso Armada, crítica de Ramón Nicolás

Calquera crítica non deixa de ser, por parte de quen a asina, un comentario subxectivo, de   pousos, de sedimentos… Lin TSC. Diario da noite hai xa un par de meses e estes días volvín a el e aquelas sensacións iniciais retornaron,  se couber, con máis intensidade. Alfonso Armada, que xa ofrecera na nosa lingua libros como Escuma dos dentros, Pita velenosa, porta dos azares ou Haikús da Costa da Morte, ofrece arestora un libro singular, compacto, nesa rara forma, por pouco habitual, de diario poético. Antes como agora, TSC provocou que quedase no padal un certo aquel melancólico polo que se foi e xa non volverá; polo que se cadra se quere de novo apreixar cando se sabe, de certo, que xa non pode ser. Esta é unha das lecturas, abofé, mais esa acedume pola distancia, da que non sei se é o autor foi consciente de ir debullando, que traduce en palabras e transloce por veces en silencios, con todo, non deixo de xulgala como un inestimable valor xunto coa afouteza ou convicción de Armada no seu propio quefacer lírico ao dar a coñecer un diario poético máis de vinte anos despois desde a súa redacción, co que o libro gaña tamén no ámbito testemuñal, malia perdérense referentes contextuais, por outro lado de doada reconstrución.

Deste xeito, penso que TSC Diario da noite é un exercicio catárquico que, alén de iluminar unha zona moi concreta do pasado –os anos oitenta- e uns espazos tamén singulares –Compostela, Sevilla, Tánxer, Madrid, mais sobre todo a cidade de Vigo-, deita unha ollada ás claves daquel tempo cunha visión máis globalizadora, sen esquecer que se trata a súa dunha escrita persoal, única, un tanto illada do que se facía naquel momento e que transloce un universo de obsesións particulares. A opción de incorporar un corpo salientable de material iconográfico –fotografías, reproducións pictóricas, material visual de toda índole: etiquetas, billetes, follas de árbores, selos ou tíckets- contribúe a fixar o libro como experiencia persoal e íntima, alén de outorgarlle un aire de revisión visual dunha época e do que nela aconteceu, sen obviar que este libro é  un testemuño que apunta á colectividade, onde agroma unha ollada, sen dúbida, xornalística, crítica, en ocasións informativa, coma se o lector se dispuxese á lectura dun artigo de opinión. A iniciativa experimental do diario poético, deste xeito, cobra aquí cabal sentido formando parte dunha espiral onde en cada verso renace a idea do movemento, de nunca ficar quedo, de tránsito recorrente cara a algures.

Dialoga tamén o autor, como non podía ser doutra maneira, cos seus tótems, coas súas pantasmas persoais  aquí e acolá, coas palabras de Joyce e Kafka, de Gide e Raimbaud, de Borges e Mann que o precederon no tempo…, dese diálogo nace unha esculca que afonda no tempo, na memoria e na escrita. Malia a acedume, tamén hai que consignalo, ao lonxe albíscase tamén  unha luzada de esperanza, aínda que sexa só para contalo. Ramón Nicolás

Texto publicado o sábado 28 de novembro de 2009 por Ramón Nicolás no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia.

Comentarios pechados