Menu Xerais

Un booktrailer para «Cartas de inverno», de Agustín Fernández Paz, que supera os 90.000 exemplares vendidos

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, que supera estes días os 90.000 exemplares vendidos e se reedita unha vez máis apoiado por un booktrailer sobre o libro.

 

«Cartas de inverno», o booktrailer

Hai libros que traen un pan dentro das súas páxinas. A novela Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz é un deles. Aínda lembro cando lin o orixinal dunha sentada na mesa do meu despacho, o que é ben difícil. Quedara entusiasmado, sen alento. Coma recordo a sorprendente reclamación que recibimos dos propietarios dunha casa semellante á que aparecía na portada da primeira edición, un feito que nos fixo reflexionar sobre as fronteiras pouco definidas existentes entre a ficción e a realidade. Desque foi publicada, a comezos da primavera de 1995, cando a colección Fóra de Xogo estaba no seu limiar, esta novela de Agustín non cesou de contar co apoio do lectorado. Nestes días superamos os 90.000 exemplares vendidos e as trinta edicións (a cifra máis elevada da historia da editorial). O pasado ano, Antonio Seijas publico unha magnífica novela gráfica (tamén moi ben recibida) e ágora acabamos de publicar a edición da novela en epub. Foi traducida a media ducia de linguas e en todas triunfou, sobre todo en catalán. Para celebrar semellante proeza, onte subimos un booktrailer que preparou David Rodríguez. Cartas de inverno é un libro de medo que atrae coma o imán ao ferro. Si señor. Todos os parabéns para Agustín!

Manuel Bragado

Comentarios pechados