Menu Xerais

Un conto por cada dereito, de moita utilidade didáctica: «Os dereitos da infancia». Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre o libro de relatos colectivo Os dereitos da infancia.

 

Para ler e comentar todo o ano e non só en novembro

Todos os 20 de novembro se celebra o Día Universal da Infancia, co gallo de lembrar que o 20 de Novembro de 1959 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración Universal dos Dereitos do Neno. Esta Declaración é unha sorte de decálogo, pois está constituída por dez principios que garanten os dereitos dos cativos e cativas de todo o mundo. Xerais, neste fermoso libro, publica esta Declaración e un conto de dez autores diferentes, un por cada un dos principios da devantida Declaración.

Como digo, a cada un dos principios, o libro dedícalle un conto, ou case mellor, un microconto. Ocúpase do Principio 1 (o dereito á igualdade, sen distinción de raza, relixión ou nacionalidade) Martín Garzo. Do 2 (o dereito á protección especial para o desenvolvemento físico, mental e social do neno) Antonio Rodríguez Almodóvar. E así van aparecendo os relatos de Ana María Shua, Mariasun Landa, Gonzalo Moure, Daniel Nesquens, Agustín Fernández Paz, Lorenzo Silva, Gloria Cecilia Díaz e Eliecer Cansino para ilustrar os outros principios. No epílogo, reprodúcese a propia Declaración Universal dos Dereitos do Neno, de 1959.

O libro ten unha utilidade didáctica impresionante para os dous primeiros ciclos de Primaria. Non abonda con que nos colexios se celebre o Día Universal da Infancia. Cómpre lerlles ou que nenos e nenas  lean durante todo o curso cada un destes principios. Mais non debemos quedarnos no neno e na nena como suxeito pasivo destes dereitos, senón que tamén cómpre conseguir que se convertan en suxeitos activos. Os nosos nenos e nenas deben saber que eses principios teñen que cumprilos e facérllelos cumprir aos maiores (pais e nais, familiares, profesores e profesoras), mais tamén eles e elas mesmos deben ser suxeitos activos deses principios evitando calquera discriminación por raza, lingua ou aspecto físico entre os seus compañeiros e compañeiras. Teñen así mesmo que tomar conciencia de que as burlas e o acoso escolar non son lexítimos. Tamén, nestes tempos de crise, os nenos e nenas deben amosar a súa solidariedade cos que teñen menos ou nada. E así con cada un dos dez principios da Declaración.

Por outra banda, non debemos usar este libro só os 20 de novembro para celebrar a festa do Día da Infancia e despois esquecelo. No primeiro e mais no segundo ciclo de primaria debe ser un libro cuxos contos se lean e comenten na clase en relación co principio da Declaración dos Dereitos do Neno que se ilustra co devandito conto ao longo de todo o curso. Tamén é un libro moi apropiado para figurar na biblioteca dos fogares de pais-nais e ata avós-avoas, que lles deben ler e comentar aos cativos e cativas estes contos e principios e, como digo, insistindo sempre en que nenos e nenas tamén están comprometidos en que estes principios se cumpran con eles mesmos e cos seus compañeiros e compañeiras. Por iso, é un galano máis que acaído para estas datas do Nadal e mais de Reis, sobre todo para o Nadal: así poderá lerse e comentarse na casa durante as vacacións desta etapa. Pais-nais e avós-avoas deben completar o labor do profesorado nesta formación lectora dos cativos e cativas.

Só me queda subliñar que o tempo que se dedica nas clases a estas actividades de transmisión en valores son fundamentais e este libriño préstase a iso moi ben. O Ensino Primario e Secundario xa non só transmiten coñecementos, senón tamén valores perante a vida. Por iso, libros coma este, son básicos. Para rematar, só quero desde aquí facer unha homenaxe aos profesores e profesoras de Primaria e Secundaria-Bacharelato que son posiblemente os principais transmisores de valores nesta nosa sociedade cando comentan libros coma este ou propoñen a súa lectura.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados