Menu Xerais

Un conto que arrepía: «Violeta quere ser vampiro. Un conto de Samaín», de Ramón D. Veiga e David Sierra. Crítica de Ramón Nicolás

O crítico e escritor Ramón Nicolás publicou no suplemento Fugas de La Voz de Galicia unha recensión sobre o álbum ilustrado Violeta quere ser vampiro. Un conto de Samaín, de Ramón D. Veiga, ilustrado por David Sierra.

 

UN CONTO, QUE ARREPÍA, PARA O SAMAÍN

Aos nosos amigos e ás nosas amigas, no 120 aniversario da primeira edición de Drácula”: velaquí a dedicatoria desta estrea como narrador do editor Ramón D. Veiga, responsable asemade dunsuxestivo e interesante blog sobre paternidade e maternidade baixo o título de “Se o vello Sinbad tivese fillos”.
Violeta quere ser vampiro preséntase, así pois, baixo un formato de álbum ilustrado, acaído ao meu xuízo para todas as idades aínda que focalizado prioritariamente para as persoas máis novas. Desde o seu título homenaxea, tamén desde as instancias do traballo de ilustración grazas á achega de David Sierra, o ricaz e imaxinativo universo de Drácula ideado por Bram Stoker. É así como acada un punto de encontro, unha confluencia imaxinativa e fantástica, desta  figura -xustamente a noite do trinta e un de outubro- coas vivencias da noite do Samaín, cada vez sentidas entre nós cunha maior intensidade, mercé á rebuldeira e inqueda Violeta: unha nena con ganas de escoitar contos e, sobre todo, de divertirse e pasalo ben.
Neste oportuno libro o autor sabe ben dosificar as medidas xustas de humorismo e información e integralas nun discurso lúdico, que se dota da axilidade narrativa adoptando un rexistro próximo e operativo para darlle corpo a unha anécdota real que, seica, inspirou este conto. Ademais, é este un álbum que, felizmente, recorre ao recurso da integración doutro no seu interior como é o chamado Manual do vampiro moderno, constituíndo estas páxinas un fermoso galano inesperado onde salienta, aínda máis, ese espírito irónico e divertido, e mesmo arrepiante, que atesoura un libro moi recomendable para estas datas nas que o alén se achega tanto ao aquén que case se chega a tocalo

Ramón Nicolás

Comentarios pechados