Menu Xerais

«Un dedo manchado de tinta», de Manuel Portas: opinión dos estudantes do IES de Silleda

Gracia Santorum publicou en As estelas dos ronseis as opinións dos seus alumnos e alumnas sobre Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas.

 

 

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Lucía Silva

Este libro gustoume a pesar de que non me enterei de moito, a verdade é que me gustou moito máis o libro de Pedro Feijoo.

Non é o tipo de novela que eu lería, porque me gustan máis outro tipo de libros, pero aínda así recoméndoo a todo aquel que me faga caso: está ben, pero é difícil seguir o fío das historias e atopar o nexo de unión entre todas elas.

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Rebeca Broemser

Non encontro palabras para definir este libro. Sei que normalmente comézase a falar de algo polo inicio pero eu vou falar do final.

Esperaba outro tipo de contacto entre as historias, e se ben nunha houbo o que agardaba (Cristina e Bruno), sorprendeume a maneira en que se atoparon a vida de cada un deles. Facíaseme estraño, aburrido e totalmente inverosímil o personaxe que estaba a maxinar exactamente a vida daquelas persoas que escollía; aparte captaba perfectamente a atención do lector.
No final, o autor fixo un xogo tanto entre o lector e el como el e os personaxes protagonistas, dándolle un toque pouco utilizado, que para o meu gusto, deulle chispa á obra xa que a min ler as historias de por si non me gustou moito.
Admito que houbo momentos nos que aquelas historias sen moito sentido e interese para min terminaron por engaiolarme, pero era moi fácil escapar polo pesado que se me facía a maioría do tempo.
En xeral, Portas deulle un bo final, aínda que creo que haberá moitas persoas que non sexan capaces de ler o libro completo.

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Esperanza Rodríguez

Este libro ten un final impactante.

As historias contadas por separado non están mal. Son historias que che dan moito no que pensar, de preocupación e moita empatía.
Para min o mellor foi “IB-547”. Creo que cando disparan a Chus e logo todos lle botan a culpa, é unha reivindicación, como unha sublevacións na que os personaxes reclaman que non queren esas historias para eles, e moito menos a morte dunha personaxe.
Pero é raro e difícil de interpretar, e esta é a miña maneira de facelo, que non sei se é a que o autor quería pero se o seu obxectivo era facer pensar e cada un dos lectores tivese unha opinión, conseguiuno.
Creo que o final é o axeitado pois a vida de Chus era demasiado axetreada e ese final víase vir.
Vaia, que me gustou moito o final.

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Eloi Fidalgo

Unha novela que contén interiormente seis contos.
A min o libro persoalmente gustoume por unha razón en concreto, os personaxes son moi realistas, é dicir, métente na historia con gran facilidade, calquera deles podes imaxinar un día que o topas polas rúas.
Tamén me gustou porque é unha novela de situacións nas que prima a visión do sentimento e, tamén se fala moito da soidade da sociedade actual .

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Adrián Villar

O libro gustoume bastante, aínda que me gustou máis o de Pedro Feijoo. O malo deste libro é que un pérdese na lectura porque se lía un no fío da historia, sobre todo cando Gonzalo se enredaba contando hipóteses e non acababa de explicar o que estaba contando.
O personaxe principal, Gonzalo, parecéuseme ao meu avó porque tamén é moi testán.

 

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Fátima Valladares

Este libro é especial, non se podería clasificar nun xénero como o da novela. O autor cóntanos unhas historias de diferentes persoas, per dunha forma peculiar. Son persoas que viven en Santiago, xente da rúa coa que poderiamos atoparnos todos os días, pero que teñen cousas en común ao final do libro.
Gústame a lectura, pareceume moi entretida e distinta a todo o que lin antes. Ademais, coñezo Compostela e imaxinei que eu mesma ía percorrendo os lugares dos que fala e coñecendo os protagonistas.
Fíxome reflexionar sobre iso, que todos temos a nosa propia vida e experiencias, diferenciándonos dos demais.
Recomendo a lectura porque conecta facilmente

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Paula Gamallo

A miña crítica cara a este libro é bastante variada, aínda así, quizais non poida estenderme demasiado. É unha desas obras nas que para dicir o esencial, precisas demasiadas cousas. Na miña opinión estes seis contos ou historias teñen un vínculo en común, e non me refiro a que todas teñen a cidade de Santiago como fondo senón algo máis sinxelo e elemental como é a realidade mesma, a realidade da inxustiza e da inmoralidade da sociedade.
A simple vista, a obra preséntase como un conxunto de vidas inconexas que, a medida que nos imos somerxendo na lectura, van cobrando sentido e orientación entre si. É certo que o final resulta inesperado e incluso orixinal pero, baixo o meu humilde punto de vista e baseándome no gran extensión do libro, opino que  foi un pouco decepcionante.
Realmente a mensaxe que tenta transmitir o autor é moi boa: “ a casualidade non é casualidade” , o xeito de unir aos personaxes, poderíamos falar incluso dunha mesma historia dende diferentes perspectivas, unicamente para amosar a vida mesma: o sentimento humano, a loita dos máis débiles por aqueles que abusan do seu poder, os malentendidos coas súas consecuencias prexudiciais, as inxustizas… todas esas deformidades das que carece a sociedade e que están aí, diante dos nosos ollos, nada máis saír a rúa podemos atopar miles, millóns de relatos interesantes que contar.
Supoño que Portas pretendía plasmar estes feitos dun xeito orixinal e diferente, baseándose na idea de que as historias máis interesantes e sedutoras as podemos ter nun simple chasqueo de dedos ao noso redor. Quizais a súa intención fora boa pero considero que debería estruturala e expresala dunha forma máis sinxela e comprensible, dado que moitos lectores non aprecian este tipo de composicións.
Antes de rematar, debo dicir que aínda que non acabase de convencerme a totalidade da obra, algún dos contos captou moito o meu interese.

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Anxela Llinares

Comecei  lendo o resumo da parte de atrás do libro, e chamoume a atención a descrición deste, moitas historias que ó fin relaciónanse.  Pensei que sería bastante lioso xa que para narrar varios contos que se relacionan hai que ter coidado, e para min non foi un libro moi apetecible xa que se me fixo moi pesado e longo tanto polas historias como pola maneira de escribir do autor, non é un libro que recomende nin que me gustara xa que se me fixo moi canso para ler.
Se tivera que elixir unha historia como a máis levadeira sería a de Cristina xa que os constantes actos reinvindicativos danlle máis emoción.

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Antía Iglesias

A primeira sensación que teño o comezar o libro é de confusión. Quen  me diría que o autor me ía advertir de ler ou non o seu libro , como se quixera botarnos cara atrás. Isto faime pensar que conterá este.
Pensei que  sería unha novela a que ocupase estas 367 páxinas pero levo unha sorpresiña cando me decato das diferentes e sorprendentes historias que contén esta.
Tanto na primeira na que Alberte, un funcionario anda a procura de respostas dun fillo emigrante. A segunda onde Malulú, un vendedor ambulante é condenado pola súa condición social, ou como Carme, Cristina e Chus se enfrentan a todo o que se lle vén enriba.
Pareceume un libro moi cargoso e levei unha gran satisfación cando o rematei, xa levaba días querendo saber os finais de cada historia.

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Nuria Iglesias

O libro é un pouco especial, cada capítulo é unha historia diferente, que creo é o que me chegou a desconcertar algo.

Non cheguei a sentir moito interese ao principio da obra xa que notaba que non había moita relación dun a outro, pero o  que si me logrou sorprender moito do libro foi o seu final, xa que non mo imaxinaba así nin por asomo.
Este sería un libro que non compraría, pero foi unha experiencia diferente, pois non me chegou a gustar demasiado.

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Mª Luisa Montouto Vilela

Pareceume un bo libro. En realidade gustoume, aínda que non

é o tipo de libro que prefería ler . Ao principio non sabia de que ía pero despois de estar lendo collinlle o gusto.  É unha novela de contos, personaxes, situacións humanas e tamén moitos sentimentos. En verdade ten ese concepto de dozura que a calquera idade lle gustaría ler, gustaríalle este libro.
En fin, gustome moito.

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Ana Sofía Neto

É un libro que en cada un dos seus capítulos conta unha historia diferente; ata que no capítulo final un home (Gonzalo) está no aeroporto e empeza a ver xente saíndo dun avión e inventa unha historia que coinciden coas anteriores, asasinan a inspectora e acúsano de asasinala por ter un dedo manchado de tinta . Das historias contadas a que máis me gustou foi a primeira “bátedas de auga”, que conta a historia dunha consexal que investiga a vida dunha familia porque recibe unha carta dun home que quere saber onde estan os seus irrmanastros. Tamen me gustou o prólogo que incita a ler o libro.
Este non é un dos tipos de libros que soio ler, normalmente leo historias continuadas, e a verdade este libro dalgunha forma gustoume.

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Aitana Ansemil

Ao principio este libro pareceume un tanto desconcertante pero a medida que o ía lendo, fun entendendo mellor as historias que conta e acabou gustándome bastante. A súa lectura foi bastante fácil, xa que ten un vocabulario ao alcance de calquera. Sentinme algo parva cando me dei conta de que Gonzalo era quen escribía as historias, e que era o punto clave da relación entre elas.
Unha das cousas que máis me gustou do libro foi que Gonzalo, no seu intento de ser escritor, se centrase en persoas da vida real e que intentara trazar o seu futuro.

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Patricia Fernández Pájaro

A verdade é que este non é un libro que me gustara moito, pois non é do meu estilo preferido. Ao comezo non relacionaba para nada unha historia coa outra, por iso me resultou un pouco complexo. Pola contra, a linguaxe é moi sinxela e doada de entender.

O relato que máis me gustou foi “Malulú”. Realmente foi capaz de reterme na historia, e sacar de min algún que outro sentimento.
Ao final, rematei por relacionar todas as historias, cando Gonzalo relaciona as persoas que ve no aeroporto cos personaxes dos demais relatos.
Recomendaríalle este libro a calquera apaixoado pola lectura sen dúbida ningunha.

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Maria Lamazares

A min este libro resultoume bastante difícil de ler, xa que cando comecei non me enganchaba, ata volvín reler dúas ou tres veces o principio.

Os últimos capítulos resúltaronme máis doados de ler xa que deixaban en min unha certa intriga, algunha das últimas historias ata me resultaron impactantes, como por exemplo a morte de Chus.
Teño que dicir que me resultou un pouco complicado asociar tantas historias diferentes entre si.
O libro tampouco me disgustou pero non queda entre os meus preferidos.

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Lucía Pérez

Sinto moi cercana esta novela a min mesma e ao meu entorno, xa que nestes seis contos aparece reflexada a vida de persoas do día a día, onde todos estamos engaiolados. A novela vese que chega a un punto humilde e acolledor que che leva a seguir lendo ata que remata.

Para min o personaxe que máis me gusta é Jonathan, o preso, se digo a verdade este tipo de cousas chámanme moito a atención e lévame a cavilar…
Que estea dividida en diferentes contos está ben aínda que ao fin e ao cabo sempre hai unha relacion entre as historias, chegados a este punto podo dicir que a novela gustoume, estivo ben e sobre todo o que máis me fascinou por chamarlle dalgunha maneira foi que o autor escribira sobre persoas de a pé que hoxe en día somos nós mesmos.

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Manuel de la Torre López

O libro gustoume moito xa que trata historias con personaxes reais e situacións reais e non como outras historias que parece que os autores non se fixan nas vidas reais das persoas. Todos os capítulos parecéronme fáciles de ler e gustoume tamén que cada capítulo trate sobre un tema, é moi orixinal.

A historia que máis me gustou foi a de Malulú, pareceume moi triste todo polo que tivo que pasar e vivir o protagonista para chegar a España.
Outra das historias que me gustou é a do Expediente 324/10 con todo o tema do cárcere e a violación.

En conclusión o libro pareceme moi bo, é diferente, non é algo usual. Este libro merécese un 9 ou un dez, igual ca min!!!

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Tamara Pereiras Villamayor

Tan pronto como comecei a ler este libro, xa souben que me ía gustar; quizais foi polo prólogo tan suxestivo, que incita á lectura, precisamente por animar ao lector a que siga buscando outro título, cousa que reflexa claramente a inclinación do ser humano de facer xusto o contrario do que se lle manda.

A medida que ía avanzando na lectura deime conta de que algo relacionaba as historias, distintas pero con algo en común, algo que resultou ser que todas se desenvolven en Santiago.
Teño que recoñecer que cando verdadeiramente entendín completamente o libro foi no final, onde se xuntaron todos os cabos soltos; gustoume especialmente como o autor fixo que a medida de ir avanzando nas historias fixo que me esquecera completamente de que o que contaba as historias era Gonzalo, intentando controlar as vidas dos seus personaxes.
Outra cousa que me gustou bastante foi a caracterización dos personaxes, xente de a pé, a verdade é que xa estou farta de historias de princesas que viven felices e comen perdices, non está de menos que alguén escriba sobre algo tan duro como ten que ser adaptarse a unha cultura racista .E por iso a historia que máis me gustou foi a de Malulú, un inmigrante de Senegal, porque mostra como buscando adaptarse á sociedade atopa o amor en María, unha profesora; e, malia verse envolto en problemas coa xustiza, o amor remata triunfando.

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Ana Brandariz Quinteiro

Non é que lea moito, pero dos libros que pasaron pola miñas mans nunca lera un libro destas características, si, lin libros de historias, pero que eu recorde nunca que tiveran relación entre si, ou na que o narrador se sentara na cafetería do aeroporto para imaxinar historias da xente.

Aínda que me gustaron todas as historias a que máis me gustou foi a de “ Próxima estación: Urquinaona” non porque as outras non sexan igual de boas, senón porque me gusta a acción, a intriga. As historias ocorren todas en Santiago de Compostela ou arredores . Non o sei, pero xa que as historias están relacionadas entre si, supoño que o Bruno que Cristina vai visitar o cárcere é o Bruno que está no cárcere con Jonathan é o mesmo, ou o negro que aparece vendendo nas historias (aínda que non en todas) é Malulú. Gustoume o libro? Si, a verdade é que moito.

Comentarios pechados