Menu Xerais

«Un dedo manchado de tinta», de Manuel Portas: unha novela de novelas

A xornalista Montse Dopico publica no Galicia hoxe unha reportaxe sobre Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas. Reproducímola integramente:


O extraordinario do cotián

Manuel Portas retrata na súa segunda novela a variada casuística social duns personaxes conectados, sen sabelo, no espazo compostelán

Un dedo manchado de tinta, a segunda obra narrativa de Manuel Portas, é unha novela que contén varias pequenas novelas. Historias de persoas que poderiamos atopar un día calquera pola rúa, en Compostela. Proba da grandeza que o cotián, a xente anónima, pode acadar.

Polas páxinas deste libro desfilan, a partir das fantasías dun aspirante a escritor, as vidas de Alberte, funcionario municipal que se mergulla nos arquivos na procura de respostas para un fillo de emigrante; Malulú, vendedor ambulante senegalés que se encontra cunha muller galega, María, e que é socialmente condenado por ser quen é; Carme, que se debate entre a súa filla e o seu amor polo home encarcerado acusado de violala; Cristina, nai e sindicalista incansable e Chus, investigadora que se enfronta a unha trama de corrupción con recualificacións de terreos.

Son personaxes conectados entre si, aínda moitas veces sen sabelo. “Na novela hai un xogo entre a ficción e a realidade, que é un tema clásico na literatura… E novelas dentro da novela, e un xogo de puntos de vista, de quen conta, que é Gonzalo, un personaxe máis e un narrador que vai cambiando de estilo nos relatos. Ademais da pluralidade de puntos de vista, está a dos xéneros narrativos, que cambian de relato a relato. E a pluralidade da casuística social que poderías atopar nun espazo como Compostela”, explicou o autor.

Como na súa primeira novela, Denso recendo a salgado, o narrador leva o lector da man, aínda que se mantén até o final a ambigüidade entre realidade e ficción, entre verdade e imaxinación, a través del. Denso recendo a salgado presentaba primeiro os numerosos personaxes, e despois armaba os lazos entre eles. Un dedo manchado de tinta fai algo semellante, deixando, o primeiro, só entrever as conexións entre os protagonistas de cada historia.

Nada teñen que ver, en principio, as historias dun funcionario ou dunha avogada investigadora coas dun inmigrante que comparte con outros compañeiros un piso de camas quentes, ou coas dunha caixeira de supermercado namorada dun home pouco aconsellable.

Pero hai fíos invisibles que os unen a todos. A pegada da emigración, por exemplo. Ou a dos afectos rotos, problemáticos. Do mesmo xeito que os personaxes da primeira novela compartían unha mesma insatisfacción coa súa existencia. “Son biografías que se poderían dar na realidade. Busquei certo realismo, aínda que claro, hai vidas que son literariamente máis atractivas que outras”, sinalou. Alberte conduce o lector por unha historia familiar que se desenvolverá a contrafío das normas sociais, e que desembocará en emigración por vergoña. Malulú representa a auténtica odisea dos africanos que perseguen en patera e a golpe de precariedade o soño europeo. El séntese, en xeral, ben tratado en Galicia, pero ten que loitar, coa axuda de María, contra os prexuízos que o acaban levando ós calabozos. O libro está cheo de antiheroes que son heroes. Carme está atrapada nun dilema autenticamente dramático, pois non sabe se crer a súa filla ou o home do que está namorada. A través deste home, Jonnathan, o lector adéntrase no ambiente do cárcere, nun relato con algúns puntos de confluencia coa trama de fondo de Denso recendo a salgado: as drogas, a delincuencia…

Cristina, a caixeira que foi nai antes de tempo e se vai envolvendo na loita sindical no supermercado no que traballa, e Chus, a investigadora de éxito que non dubida en ir ata o final aínda que arrisque a súa vida, son mulleres fortes, valentes, decididas. “Non pretendía que fose algo pedagóxico nin nada así. Pero si é certo que teño personaxes femininos así. Máis que nada quixen reflectir a grandeza, o extraordinario que agocha o cotián, as vidas anónimas”, subliñou o autor.

En canto ó estilo, respecto á lingua, non é moi diferente de Denso recendo a salgado. “É unha lingua moderna, urbana, desruralizada. Temos que ter un estándar de lingua urbana. E creo que este é un esforzo que se está levar á práctica na literatura actual”, indicou. Acompaña ó libro un CD do grupo Loaira, cun tema composto para cada un dos personaxes principais da novela.

“Creo que o futuro pasa pola multidisciplinariedade. Xuntar distintas expresións artísticas: literatura, danza, música… Clara Pino fixo as letras a partir da novela, e compuxo tamén a música con Rubén Abel”, comentou, por último.

POLÍTICA LINGÚÍSTICA

“É lamentable o que está a pasar”

Manuel Portas foi concelleiro de normalización lingüística en Compostela, e de feito fixo o primeiro plan de normalización.

É profesor de lingua e literatura galegas, e autor dun coñecido ensaio sociolingüístico, Língua e sociedade na Galiza.

“Creo que a xente non é consciente do mal que se lle está a facer á lingua, indo contra elementos do pacto social básico sobre a lingua, como a lei de normalización ou a toponimia. É lamentable o que está a pasar, e non só pola repercusión directa das medidas que están a supor un retroceso, senón por como van afectar ó prestixio social da lingua”, opina.

O actual alcalde da Coruña desafía a lei de toponimia, a Xunta aplica un decreto sobre o uso do galego no ensino “feito en alianza coa ultradereita….”.

“A lingua é de todos, e é de todos a obriga de defendela. E mentres no se decaten disto, non imos avanzar. Non vale nin atacala, nin apropiarse dela”, reflexionou Portas.

Montse Dopico

Comentarios pechados