Menu Xerais

Un deses libros imprescindibles: «Contos do mar de Irlanda», de Xurxo Souto. Crítica de Xosé Manuel Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en tránsito unha recensión crítica sobre Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto.

 

 

MAR DE IRLANDA, MÍTICO MAR DE IRLANDA

A meirande parte de libros que dá á luz unha literatura podémolos cualificar como “libros de mantemento”, non achegan nada do outro mundo mais condenalos ao esquezo tamén sería un tanto inxusto. Tan só unha pequena parte deses libros merecen o cualificativo de “imprescindíbeis”; se non os houbera habería que inventalos. Hoxe disfrutamos da inmensa fortuna de termos como obxectivo dar conta dun destes libros imprescindíbeis: os Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto.
O Gran Sol ou Mar de Irlanda ( aínda que non son exactamente a mesma cousa) forman parte do universo de cercanías afectivas dos galegos, de tantas e tantas veces como as noticias nos familiarizaron con ese anaco oceánico onde os galegos bouraron a eito. Porén tamén é moito o descoñecemento que del se ten. Ou que del se tivo, porque Xurxo Souto realiza unha ben completa descrición; de feito, o primeiro que atopa o lector é un mapa que acolle as nomeadas das diferentes partes que compoñen o Mar de Irlanda. E velaí A Cona da Vella, O Mar das Galiñas, A Volta do 52, Mar do Coral, A Ferradura, o Mar do Carburo, O Zapato, O Calcetín, Os Tres Codillos, O Sindicato, A Selva, A Camocha, O Volcán de Porcupine, O Rocal… a dar testemuña talasonómica de que fomos os galegos, de que foron mariñeiros galegos os que primeiro traballaron e, por suposto, deixaron pegada nos nomes das diferentes partes. Adoita dicir Xurxo Souto que somos os galegos un pobo de artistas, e parte desa arte ben se pode divisar nas doses de imaxinación empregadas na nominación de algo que para os terrícolas (terrrícolos) é sempre igual: o mar. Porén os mariñeiros galegos atoparon algunha razón para achagarlles tales nomes, con semellante forza descritiva e orixinalidade. Que non queda aí porque evidentemente o mar ten moitos máis lugares, como o Clítoris, por exemplo, ou, xa ben preto da Coruña, o Mar de María Luísa.
Evidentemente, os Contos do mar de Irlanda son unha homenaxe ao mariñeiros, esa raza aparte que se xoga a vida en cada lance, que desafía as forzas da natureza na procura de fartura explorando o inexplorado, homes de ferro en barcos de madeira. Aínda que o mar non se leve demasiado coa poesía, como recoñece o propio autor ( pois o mar é traballo) son moitas as veces que procura contradicir tal afirmación, botando man da tradición popular ou culta ao salferir o texto con versos, e non cabe dúbida que na prosa destes contos subxace unha épica innegábel, unha épica humilde e férrea. O que pasa no mar non se di en terra, mais todo se acaba sabendo. E, alén da homenaxe aos mariñeiros, estes contos tamén son un canto á irmandade galego-irlandesa. Bantry ou Casteltón son lugares onde os mariñeiros galegos recalaban con fecuencia, establecéndose unha relación que veu moi ben tanto para as terras irlandesas como para a faena dos galegos
Tesouro de vivencias salitrosas, tantas veces ao límite, recollidas oralmente ou de xeito culto, en libros. Por iso o mesmo autor define o libro como “esponxa” antes de ofrecer unha relación das fontes orais e escritas. De entre as primeiras, moitísimas, non queremos salientar nigunha por non facer menos as demais, aínda que é certo que algunhas se repiten con máis insistencia. De entre as escritas hai unha de moita importancia ( The Second Spanish Armada de Michael J. Carrol, que conta con tradución ao castelán) polas moitas veces que é citado e por ofrecernos unha visión nova e diferente, a dos ollos dos outros, a dos receptores, como vían os mariñeiros galegos aqueles que os recibían. Sen esquecer outro que, sen aparecer tanto, si dá unha visión nova dun tempo histórico trascendental, o golpe de estado franquista, como se viviu entre os mariñeiros, referímonos a Loita de clases e represión franquista no mar, de Dionisio Pereira Que vén complementar Os ausentes de Casteltón, de Jacobo Barros e, sobre todo, Follas do bacallau ( Xabier Paz) que nos ofrece a vida dos mariñeiros en Terranova.
Que como tal tesouro nos fai máis ricos -por iso é un libro imprescindíbel- e coñecedores dunha parte da nosa historia tan épica como descoñecida. Contado coa peculiar prosa de Xurxo Souto, directa e áxil, culta e popular sempre amena e sabia como para facer trascender o anecdótico case á categoría de mítico. Mítico, porque así foi o labor dos mariñeiros galegos no mar de Irlanda.

Xosé Manuel Eyré

Comentarios pechados