Menu Xerais

Un dos libros máis literarios e gozosos para entender o conxunto da obra dun dos grandes do noso tempo: «Contos de obxectos», de Xabier P. DoCampo. Anotación de Manuel Bragado

O editor Manuel Bragado publicou unha anotación no seu blog Brétemas sobre o libro: Contos de obxectos, de Xabier P. DoCampo, con fotografías de DNL, publicado por Xerais na colección Camaleón

 

Contos de obxectos’, de Xabier P. DoCampo e DNL

 

Previsorciño que era, Xabier P. DoCampo deixou nun cartafol preparados para a edición oito relatos dos que más gustaba recrear nas súas contadas para maiores. Contos todos nos que algún obxecto (unha máscara, un chapeu, un cravo, unha moeda…) convértese nalgún momento en motivo do trama. Textos, case todos inéditos en formato libro, recollidos en Contos de obxectos (Xerais 2021), precedido dun limiar da académica Fina Casalderrey e ilustrados polas fotos precisas de Daniel Puente Bello, que recrea cada obxecto no contexto ficcional onde foi utilizado. Un libro no celme da obra do mestre Xabier P. DoCampo, esencial para entender a súa querenza pola narración oral literaria, que enlaza temática e formalmente cos relatos de Cando petan na porta pola noite(Xerais, 1994) e Un conto de tres noites (Xerais 2001), así como coa novela A nena do abrigo de astracán (Xerais 201/).

Contos nos que habita a memoria e a lingua da infancia, aquelas cicatres que Xabier herdou de Raimundo, o pai muiñeiro de pucha enfariñada. Textos orais, revisados na escrita, nacidos da memoria daquela cociña de Castro, onde o pai contaba historias e a nai costureira contos mentres debullaba nun cesto de fabas. Nese berce literario naceu o mestre Xabier , o contador e o narrador natural que neste volume recrea contos da estirpe do conto popular, uns marabillosos, como «Os tres cabelos de Aldara» ou «O chapeu», capaces de explicar que ningún castigo merece ser eterno e ningunha culpa é imperdoable, outros de medo ou de exploración do descoñecido, como «A proba», «A máscara» ou «O cravo», nos que latexa a cerna da conservación da vida e da propia identidade. Contos, outros, nacidos dunha encarga para ser contados oralmente, como «Santo André Teixido», ou para unha publicación con utilidade didáctica, como «O habanero», o conto xenial dos galos de pelexa, unha auténtica marabilla, que aparecería nun dos libros da campaña de Renfe e Caixa Galicia (1997).

Estes Contos de obxectos foron reescritos co código secreto dos grandes contadores lucenses, mestres da memoria oral, como Ánxel Fole e Álvaro Cunqueiro, dos que DoCampo foi destacado continuador. Nestas páxinas a lingua popular brilla e escintilea de forma asombrosa, utilizando unha primeira persoa, a voz do contador experto, capaz de engaiolar á lectora coas súas viradas do relato e algún que outro engano narrativo. Contos de obxectos ofrécese así como un dos libros máis literarios e gozosos para entender o conxunto da obra dun dos grandes do noso tempo. Parabéns a Xerais e a familia de DoCampo por publicar libro tan excelente coincidindo coa celebración do 75 aniversario do nacemento (5 de abril) de Xabier. Unha boa contada, si señor!

Manuel Bragado

Comentarios pechados