Menu Xerais

Un dos mellores libros infantís deste ano da pandemia: «Meigas fóra!», de Ramón D. Veiga. Anotación de Manuel Bragado

O editor Manuel Bragado publicou unha anotación no seu blog Brétemas sobre o libro: Meigas fóra!, de Ramón D. Veiga, con ilustracións de Iván Rodríguez, publicado por Xerais na colección Merlín.

 

Meigas fóra!’, de Ramón D. Veiga

 

Dende hai tres anos Ramón Domínguez Veiga desenvolve un proxecto de álbum ilustrado sobre o ciclo de festas estacionais galegas. En diálogo co ilustrador David Sierra ofreceu a entrega sobre Samaín, Violeta quere ser vampiro (2017), e sobre o carnaval, É tempo de Entroido (2018), libros nos que anticipaba algúns dos ingredientes preferidos das súas historias: a utilización de estruturas narrativas da tradición oral, fose en base a textos rimados e dialogados ou acumulativos ou enumerativos; o emprego do humor como primeiro recurso expresivo; e o coidado meticuloso na integración gráfica e textual. Máis recentemente, comezou a colaboración co ilustrador Iván R. para ofrecer a Araña que lles tiña medo ás arañas (2019), un divertidísimo álbum de terror no que destacaba o xogo espectacular de planos gráficos ensamblados nunha estrutura enumerativa e circular moi orixinal.

Tras Eu quedo na casa, o conto en liña sobre o confinamento das crianzas provocado polo Covid19, Ramón e Iván estreitan a súa colaboración en Meigas fóra! (2020) para ofrecer un dos mellores títulos que lembramos da serie de 7 anos en diante (lectores/as autónomos) da colección Merlín. Utilizando como motor a rivalidade entre dúas vilas veciñas, Leira e Beira, relatan como dúas alcaldías irresponsables e grandilocuentes, que non paraban de discutir e  pelexar intentando demostrar quen tiña máis poder, levaron a cada unha das súas comunidades case ao desastre, cando as lapas de Leira acadaron tal altura que a lúa decidiu non volver alumar aquela vilas nunca máis, e as de Beira tanta amplitude que obrigaron aos peixes a fuxir. Unha exaltación, ademais, do valor purificador da noite do 23 de xuño, a máis curta do ano, na que saltando por riba do lume escorréntanse as meigas, que é tanto como dicir sobre as envexas, maldades e as súas porfías.

Ramón e Iván consiguen que textos e imaxes funcionen á perfección na progresión dun relato cheo de sorpresas e xiros argumentais, dosificando a información e modulando con sutileza os aspectos emocionais. Ofrecen unha historia memorable que, como aquel inesquecible  Valados de Agustín Fernández Paz e Xan López Domínguez, amosa que é posible para unha comunidade construír un futuro mellor en liberdade, superando os valados da intolerancia, do egoísmo e do autoritarismo: «A ledicia está en construír xuntos un novo lugar onde vivir en harmonía».

Aventuro que Meigas fóra!, ademais de consolidar a sociedade creativa de Ramón e Iván, será un dos mellores libros infantís deste ano da pandemia. Excelente en todos os eidos.

 

Comentarios pechados