Menu Xerais

Un dos mellores traballos literarios en galego dos últimos anos: «Un señor elegante», de Suso de Toro. Anotación de Manuel Veiga Taboada en «Biosbardia»

O blog cultural Biosbardia publicou unha crítica asinada por Manuel Veiga Taboada sobre o libro: Un señor elegante, de Suso de Toro,  publicado por Xerais na colección Narrativa.

 

Un señor elegante’: A quen lle importa a familia Baltar?

Supoño que serán poucas as persoas que, de principio, teñan interese en coñecer a historia da familia de médicos composteláns de apelido Baltar. Unha historia moi concreta e da que había pouco escrito até agora. Os Baltar, sobre todo Ángel, na primeira parte do pasado século, e despois o seu fillo Ramón, poderían ser o obxecto dunha monografía universitaria dirixida a un número escaso de lectores.

E así sería se cadra se o interesado por construír o relato non fose un autor en plena madurez das súas habilidades como Suso de Toro. O propio De Toro, coma nun xesto de humildade, pediu que o libro se lese polo interese da historia que narra, as vicisitudes dos Baltar, e non tanto porque fose un libro del, unha obra literaria. Pero é unha modestia que nos podería confundir. Un señor elegante, este é o título do libro, é non só interesante, senón sobre todo profundo, porque o autor soubo administrar e elevar os elementos que tiña na man até construír a súa mellor novela e un dos mellores traballos literarios en galego dos últimos anos.

En primeiro lugar, hai que apuntar a transparencia coa que están escritas as súas máis de cincocentas páxinas. Só un autor experto, coas súas capacidades ben interiorizadas, é capaz de escribir esta obra dunha forma que nos parece natural, a única posíbel. Coma se o oficio literario e a cociña dunha novela non existisen, coma se todo estivese á vista. Como un actor que non actúa porque se interpreta a si mesmo.

Suso de Toro introdúcenos na súa materia lentamente. O inicio crea algunha dúbida sobre o interese do libro, como todas esas obras –xeralmente as boas– que empezan xa inmersas no tema, sen unha vista panorámica que nos sitúe e que nos anticipe o que vai suceder. Aínda non estamos familiarizados cos personaxes que, nestas primeiras páxinas, bailan na nosa cabeza até darnos a impresión de que nos imos confundir ou aburrir ao non entendelos. Pasadas as corenta páxinas tiven a impresión de que o texto non resultaba fluído e de que a tensión necesaria do argumento ía supoñer un freo permanente na lectura. Pero aí acaban todos os supostos problemas. Como xa escribiu nunha acertada metáfora David Rodríguez, esta novela é como un cuarto dotado desas luces que van aumentando en intensidade pouco a pouco. O pracer que produce este sistema, a sensación de que estamos accedendo a algo descoñecido e interesante, é enorme. Este é o éxito fundamental de Suso de Toro e unha das características principais do libro.

Como o autor ten dito xa en varias entrevistas, el tratou de reflectir unha Galiza culta, con medios económicos, e ademais moi digna e incluso alegre, que despois soubo pasar polas tebras do franquismo sen baixar a testa nin perder un gramo de lucidez e mesmo de valentía. É o relato da pequena vitoria dunha familia galega en tempos escuros e exemplo doutras semellantes que tamén houbo.

Suso de Toro crea para nós un modelo e un referente do que careciamos e créao a través da ficción, porque aínda que o que se conta poida ser exacto, a arte que utiliza é a arte da ficción e ese é outro dos elementos importantes que definen o libro.

Sen esa habilidade, os mesmos sucesos narrados non nos proporcionarían esa nova imaxe arquetípica, a dos galegos dignos, non alienados, que saben quen son e que non renuncian a selo. Se ben, por suposto, para conseguilo, necesiten facer valer a cada paso a súa ética e a súa intelixencia e pagar un certo prezo.

Non é unha historia de revolucionarios, é a historia dunha clase chamada a dirixir o país en base aos seus propios méritos, pero defenestrada por unha ditadura fusca e inmisericorde. Unha Galiza que aínda estaba por contar, cando menos con tanta forza e tanta profundidade como consigue facelo aquí Suso de Toro.

O libro está narrado a través de capítulos curtos. Cada un leva en si a súa pequena historia. Este tipo de montaxe corre case sempre o risco de acabar parecendo unha sucesión de filminas ou unha obra mosaico. É dicir, unha máquina parada ou que camiña a saltos. Pero, neste caso, non é este en absoluto o resultado. A comparación máis apropiada é a que usamos antes, a da iluminación. Cada novo capítulo fai que comprendamos mellor o anterior. Esa é a razón de que o libro non fatigue. Sen haber unha trama que atrape o noso interese, a obra logra crecer en cada páxina. Cada novo achado –o texto recrea a investigación que o propio autor realiza para coñecer a familia– fai a obra máis fonda, máis transcendente. E é por esta razón que podemos dicir que estamos ante unha gran novela. Por outra parte e isto mesmo o que fai que unha historia tan particular teña un valor universal que ilumina a nosa intrahistoria pero tamén a historia de calquera país que viviu situacións parecidas.

Hai con todo unha diferenza no estilo que lle imprime Suso de Toro en comparación coa distancia obxectiva que é a norma no canon literario. De Toro non gusta da terceira persoa. El mesmo ten confesado que a habitual terceira persoa non é o seu elemento preferido. Neste caso utiliza moito a segunda, o que resulta pouco común. Non é común porque o uso continuado da segunda persoa cansa tanto como os primeiros planos no cine. Pero hai autores que conseguen superar esta dificultade e incluso usala no seu beneficio. Así fixo Delibes en Cinco horas con Mario. E faino aquí Suso de Toro cun resultado moi satisfactorio.

O narrador diríxese, coma nun diálogo, ás veces un interrogatorio que nalgúns casos non logra resposta, a si mesmo ou ao médico Baltar. É un modo inquisitivo para conseguir a verdade, unha verdade moi oculta, como o foron sobre todo eses anos corenta da posguerra, pouco historiados, salvo nas facetas directamente represivas. Esa segunda persoa e ese diálogo constantes son o material necesario para compoñer unha obra dialéctica, unha obra que se fai cada vez máis grande, como unha escavación arqueolóxica. A medida que afondamos imos obtendo máis información e esa información ás veces modifica o que antes pensabamos ou supúñamos.

Ao mesmo tempo, resulta que a segunda persoa aseméllase ou provoca o efecto do trato familiar, non o da distancia obxectivadora que define, como diciamos, a literatura convencional. E aquí permítome considerar isto como unha contribución propia de Suso de Toro que dalgún modo nos fai pensar que esta é tamén unha forma de escribir moi galega. A familiaridade quizais de todas as culturas campesiñas.

Diciamos ao principio que Un señor elegante distínguese ben dun relato histórico e isto débese a que, xunto aos feitos, mesturada con eles e sobre todo como segunda parte de cada capítulo, está a voz do autor. É esa voz a que, sen perder a súa forma austera e cabal, consegue ampliar os datos até facelos exemplares, até facer que nos digan moito máis do que sabían as persoas que llos contaron.

Na voz do narrador está a clave do libro. Un narrador que se cuestiona a si mesmo sobre o seu dereito a facer a propia novela, que se pregunta sobre a forma na que se conta habitualmente a historia e tamén sobre a forma na que se constrúe unha obra literaria. Pero isto faino sen alardes, sen a vaidade de incluír citas e sen grandes tiradas argumentais. Fala coa voz da inocencia pero facendo as preguntas que só se poden realizar desde a experiencia.

Suso de Toro demostra aquí que a novela chega máis alá de onde chega o historiador. Non é a documentación o que máis loce neste libro, senón a profundidade socrática do narrador, compostelán coma os personaxes que retrata.

Manuel Veiga Taboada

Comentarios pechados