Menu Xerais

Un libro-CD delicado, de imaxinación desbordante: «Cousas de papá», de Raúl Gómez Pato e Héctor Lorenzo. Crítica en Brabádegos

O blog de literatura infantil Brabádegos publicou unha recensión crítica sobre o libro-CD de música e poesía infantil Cousas de papá, de Raúl Gómez Pato, cos poemas musicados por Héctor Lorenzo Piñeiro e ilustracións de Blanca Barrio.

 

Papa pintou un barco nun anaco de mantel

Nun mercado ás veces, entendemos nós, un chisco saturado de oferta de Libro-Cd faise preciso saber escoller e Cousas de papá, de Raúl Gómez Pato con ilustracións de Blanca Barrio e música de Héctor Lorenzo é un libro cargado de poesía e ritmos que aloumiñan editado por Xerais. Un libro tranquilo, para escoitar e relaxar, non é un traballo para poñerse a chimpar e saltar, é unha homenaxe aos papás, cheo de diamantes, de amor, dese pel con pel, de amor pola lectura e de historias que contan os libros, dese universo paralelo no que vivir por sempre, acompañadas de voces marabillosas como a de Lucía da Fonte ou Uxía, recentemente galardoada nos Premios da Crítica, e músicos como Manuel Carballo, Sérgio Tannus, Paulo da Silva, Guillerme Fernández, Quim Farinha.
Un libro CD delicado, suave, coma os mequiños que nos dá o noso papá, un traballo discográfico onde priman as letras, a poesía, onde destaca verdadeiramente a suavidade das palabras. Composto por dez temas desde o primeiro convídasenos a montar na vasoira para chegar ao país dos soños e ficar alí, collendo libros dos andeis, facendo pulseiras de diamantes con pombiñas de cristais, socorrendo os veciños lanzando un hidroavión que coas súas bágoas ha combater o lume ata chover. No cuarto de papel hai ratos que viven en zapatos, podemos contar con eles para facer fuxir os pesadelos e se queremos rir un anaco, poñemos as lentes de cristal para converter a todos en animais. Todo o disco, e é o que o fai único, conta cunha auténtica dose desproporcionada de imaxinación, de xogos imaxinarios que nós mesmos podemos practicar na casa. As cativas precisan dese mundo máxico que as adultas non deberamos esquecer nunca, ese soñar que se atopa nos libros, no cotiá, que fai acender a luz dos ollos das máis pequenas. un soño soñado, nunha noite de vento ventado ou un torreon torrado onde nos demos bicos nos labios labiados para sentirnos ledos aledados.
As ilustracións de Blanca Barrio completan esta fermosura musical, que promove a complicidade paterna e que a ensalza, é a visibilización da tenrura coa que a maioría dos pais tratan as suas pequenas, un tempo para aproveitar, para zugar e para aproximarse.

Comentarios pechados