Menu Xerais

Un libro de divulgación sobre a realidade e a historia do país: «Galicia contada aos non galeguistas», de Manuel Veiga Taboada. Entrevista na revista «Cultura Galega»

A revista Cultura Galega, do Consello da Cultura Galega, publicou unha entrevista de Manuel Gago ao xornalista e escritor Manuel Veiga Taboada sobre o libro: Galicia contada aos non galeguistas, publicado por Xerais na colección: Ensaio.

 

Historias para un país descoñecido

Entrevistamos a Manuel Veiga sobre o seu novo libro Galicia contada aos non galeguistas

 

O novo libro do xornalista Manuel Veiga, Galicia contada aos non galeguistas (Xerais), é curto, apenas 120 páxinas, pero pretende chegar a un gran número de persoas. Nel, a partir dunha estrutura de artigos xornalísticos, repasa moitos dos tópicos do país. Algúns desmóntaos, outros explícaos e ás veces chama atención sobre aspectos da nosa sociedade e a súa historia descoñecidos e tirados dos últimos coñecementos. Falamos co autor sobre esa gran materia pendente da edición galega que son os libros de divulgación sobre a realidade e a historia do país.

O teu libro aparece no medio da pandemia.

Fíxate que me amolaba máis o cambio electoral. Eu prefería que o libro saíra uns meses antes das eleccións para que tivera un ambiente máis propicio. Este é un libro que encaixa moi ben nas discusións políticas sobre Galicia.

Como se conta Galicia a un non galeguista?

Pasábame que había moita xente que tiña interese en saber de Galicia e non sabías moi ben que libro recomendarlle. Aparte dun par de títulos, o resto eran libros universitarios, e non os vas poñer a estudar! Tratei de facer un libro breve, cun estilo claro, con moitos datos, coa maior precisión posible e que tratase os temas importantes.

Por que pensas que non existen estes volumes intermedios, de divulgación de coñecemento para público xeral

Hai unha escisión entre a universidade e o que hai ao seu redor, pero tamén entre os que teñen unha carreira de humanidades e o resto da sociedade. Este é un problema de desenvolvemento, dunha sociedade que precisa unha maduración. Por facernos unha idea, non hai tantos anos desde que temos un bo número de publicacións e traballos de historia publicados e, polo tanto, ese coñecemento dispoñible. Isto cambiou nos últimos trinta anos, nos que se acumulou moito coñecemento que agora hai que “vender”, facer chegar á sociedade. A min estes temas xa me interesaban no 79, pero de aquela a produción científica era moi limitada.

Tamén pode influír que nestes momentos un investigador universitario ten unha carreira e uns obxectivos profesionais nos que a divulgación a penas conta nos baremos.

Claro, a un profesor de universidade nestes momentos non lle compensa facer este tipo de libros. El está noutro terreo. Pero, por outra banda, os xornalistas están tamén habitualmente moi atados polos tempos nos que teñen que producir o material. Eu tento unir a universidade co xornalismo. Cando fixen a miña tese de doutoramento sobre como a prensa construía a realidade galega a principios do século XX, dinme conta de que estaba a facer un libro de divulgación. E seguín por ese camiño.

Cales son os temas nos que pensastes para facer o libro?

Por cuestións familiares, teño bastante trato cos rapaces que están agora no bacharelato. E decateime de que tiñan un descoñecemento enorme, e mesmo rexeitamento, ao propio país. Rapaces de Vigo que van a Londres e nunca visitaron A Coruña, ou que menosprezan urbes de 100.000 habitantes como Ourense ou Lugo. Pero houbo moitas máis cousas. Por exemplo, cando houbo a última gran vaga de incendios, podía escoitar a persoas maiores dicindo que había que ir plantar árbores porque Galicia ía quedar sen eles. En Galicia, onde podes andar quilómetros e quilómetros entre árbores! Hai un desprezo doloroso sobre a túa propia terra.

Falemos dalgúns dos contidos. Estás moi interesado en tratar do suposto atraso de Galicia.

Si, é certo que Galicia non foi nunca unha zona súper desenvolvida e que houbo algún atraso. Pero a xente ignora que por exemplo no século XIX e parte do XX, Galicia exportaba moitísima carne a Inglaterra, e logo ás cidades españolas. De aquela, cando aínda era moi importante o traballo manual, ter tanta carne era case coma ter petróleo. Temos un territorio exportador, coa carne, a pesca, as conservas. Por iso Galicia sempre foi, a diferencia do País Vasco, de Cataluña ou do sur de España, librecambista. Quería liberdade para poder exportar. Os outros territorios querían protexer as súas industrias: a siderurxia os vascos, o téxtil os cataláns, o aceite os terratenentes andaluces. Pero Galicia era ao revés, quería vender no exterior, exportaba a Francia ou a Inglaterra producindo bens que alí non tiñan e era moi competitiva. Pero a diferencia deles, non conseguiu facer lobby para impoñer as súas teses porque aquí a propiedade estaba moi dividida. Iso ten as súas cousas boas, pero impedía que houbera unha oligarquía que se puxera de acordo para facer presión.

Un dos teus artigos define a Galicia como unha “fábrica de ministros”

A min non me gusta xa ter todo explicado desde a ideoloxía. Interésame facer preguntas. O da fábrica de ministros ten moito que ver coa nosa tendencia ao funcionariado. Pensa que a Academia Postal de Ourense ten logrado verdadeiras marcas de aprobados en España. Borja de Riquer explicou moi ben que iso acontece nas zonas atrasadas de certos países que non teñen unha vitalidade económica que permite prosperar con negocios propios. Así que unha saída é o funcionariado. Por iso Cataluña sempre tivo moi pouco peso de ministros e funcionarios no Goberno español, porque era moi industrial. Pero Madrid encheuse de ministros, funcionarios e bufetes de avogados galegos.

Que é a igualdade entre o boi e o león?

Ten que ver cunha frase de William Blake: a igualdade entre o boi e o león é opresión. Aparentemente ninguén se pode opoñer á igualdade. Pensemos nesta frase de moda: libres e iguais. Pero para ter igualdade hai que ter en conta o punto de partida. Se lle das a mesma lei a suxeitos diferentes, o resultado non é igualdade, senón desigualdade. E iso foi o que pasou moitas veces en Galicia. Por exemplo, o Código civil español impide plantar árbores nos lindeiros das fincas. Pero en Galicia, se ti vas polo campo, vas ver os lindeiros cheos de árbores. Por que? Pois porque temos fincas tan pequenas que as árbores no medio estorban. O territorio aquí é distinto e iso fai que as leis de solo e urbanismo non encaixen ben non as fagan viables. Por exemplo, a lei que impedía parcelar os terreos, que era boa para o latifundio, era imposible de aplicar no Vigo do crecemento urbano do século XX. E iso levou a que se dera unha especie de pacto oculto entre promotores, municipios, propietarios e futuros compradores de pisos para saltar a lei. Pero como a lei era necesaria, logo no rexistro se creaba un problema de falsidade. Todo isto provocaba caos, preitos, abusos e desorde urbana.

E que importancia tivo o xantar entre Beiras e Fraga?

En Galicia a sociedade sempre estivo escindida na política. Hai unha maioría de voto conservador, pero sempre tivo enfronte a un nacionalismo moi crítico. Pero a min interesábame tratar o punto de diálogo que supuxo ese encontro naquel momento, que foi histórico. Aí produciuse un diálogo entre dous personaxes e dúas tendencias políticas que levaban anos duramente confrontadas. Era un diálogo dentro da propia Galicia, e fracasou. Impediu que houbese unha mellor organización e puntos comúns dentro da nosa sociedade.

Teño a sensación de que este libro introdúcese nun gran problema da sociedade galega actual, que é un imaxinario común moi feble que fai que haxa esta falta de coñecemento do país.

A sociedade galega non está moi dividida, é bastante uniforme. Non hai grandes desniveis ou abismos entre diferentes clases sociais, como pasa noutros sitios. Pero o que acontece é que esa certa coherencia interna non se traduce nun imaxinario político e cultural común. Hai unha polarización que non se corresponde coa base social. Iso a que se debe? Eu falo de por que somos conservadores. Os galegos podemos selo, pero non somos fachas, que é unha cousa distinta.

Hai que ter en conta tamén que vivimos unha evolución social moi importante. Máis do cincuenta por cento da poboación vivía no campo cando eu comecei a traballar, pero hoxe o descenso do rural foi sideral. O que noutros países de Europa levou douscentos anos nós fixémolo en trinta. Así que o que hoxe ves en moita xente nova é que prima moito o imaxinario Madrid-Nova York. Eu cheguei a escoitar a rapaces galegos: “que mágoa non ter nacido en Nova York, que desgraza ter nacido aquí”. Iso é o que temos que evitar.

Comentarios pechados