Menu Xerais

Un libro de memorias inhabitual: «Amada liberdade», de Fernándo Pérez-Barreiro Nolla. Artigo de Alfredo Conde

O escritor Alfredo Conde escribiu, no seu artigo de El Correo Gallego, sobre Amada liberdade, as memorias do tradutor, escritor e intelectual Fernándo Pérez-Barreiro Nolla.

 

 

Barreiro Nolla

ANDO a ler Amada liberdade. Recomendóumo Xabier P. Docampo, andando os dous a pasear polas rúas de Castropol, esa beleza agachada nun recuncho cordial, tanto que diríase del que fose auricular ou ventricular, dependendo das sístoles e das diástoles, que unhas veces son de orixe e propulsión astures e outras dame a min no peito que son galaicas. Tan ben situada está a vila, naquela súa altura, propia pra outear oceánicos horizontes, pero tamén cercanías fluviais, de ribeiras amantiñas e dondas, unha vez serenados os altos curutos das montañas de por alí, tan esgrevias elas; é dicir, que está xusto no corazón que uns dín que arreda pero outros afirmamos que xunta o común sangue astur galaico.

Amada libertade foi editada, non debe haber moito, por Xerais, escrita que foi no seu día por Fernando Pérez-Barreiro Nolla (O Ferrol 1931-Lancaster 2010). Non é unha obra de ficción. Tratáse dun libro de memorias, tan inhabitual por estes nosos pagos. Ó máis que nos atrevemos por eiquí, xeneralmenete, é a facer literatura cos recordos e as lembranzas familiares, coas trasnadas feitas de rapaces, evocando episodios familiares, ambentes aldeans ou, se acaso, rememorando ós tolos e os toliños que poboaban a nosa paisaxe ó longo da nenez dos que xa cumprimos os sesenta. Eu ben cumplidos. Conste. Linguaxe máxica, en todo caso, a que sostén os anos da nenez, a que media entre os tolos e as súas cousas, a que nos arreda xa daquel mundo de candís de carburo e santas compañas que se foron, ai, acaso pra non regresar xamáis.

Xabier recomendóumo pra que lera o que Pérez-Barreiro escribeu referente a Ramón Piñeiro, calificándomo, se ben o recordo, como definitivo. Vou pola páxina 123 de Amada liberdade e xa lin abondo sobre Ramón Piñeiro. É duro, a mín parécemo, pero probablemente sexa axustado o que escribe sobre el. Ou a min tamén mo parece. Piñeiro era moi así, coma el di, pero o que di non lle resta nin moito nin pouco á integridade persoal ou a valía intelectual do de Láncara. A propia vida era así, naquel entón, e, según escribe o autor, e haberá que crelo, nin o porpio Beiras falaba entón galego, nin o facía Vilas Nogueira, nin atopaba el galeguista algún no seu redor que non fose el mesmo. Así eran aqueles días. O mesmo Carballo Calero, cara quen sentía unha fonda admiración, falaba con el máis de Hegel ou de Kant que do galeguismo que tanto o preocupaba e que o autor herdada do seu pai, xefe da CEDA n’O Ferrol anterior ó estourido brutal do 18 de xullo do 36. En calquer caso seguiremos falando do libro, da pé pra elo e aínda pra máis ou cando menso debera dalo. É a memoria dun home libre, certamente, amante de liberdade, se ningún xénero de dúbidas, independente e claro coma un regueiro montesío.

Alfredo Conde

Comentarios pechados