Menu Xerais

Un libro esclarecedor: «A morte de Valle-Inclán. O último esperpento». Crítica de Emilio Xosé Ínsua

Emilio Xosé Ínsua publicou no seu blog unha anotación sobre A morte de Valle-Inclán. O último esperpento, de Carlos G. Reigosa, Javier Valle-Inclán Alsina e José Monleón Bennácer.

 

A MORTE DE VALLE INCLÁN. O ÚLTIMO ESPERPENTO, de Carlos G. Reigosa, Javier del Valle Inclán e José Monleón

Tres ensaios de diversa fasquía compoñen este interesante volume sobre a figura do xenial Valle Inclán editado por Xerais. O primeiro deles, de José Monleón, fai, para comezar, un esclarecedor contraste entre a escasa compracencia coa que foi recibido no seu tempo o teatro de Valle Inclán e a posterior eclosión de entusiasmo que espertou nos círculos culturais e dramatúrxicos do antifranquismo. Na continuación, ofrece as notas dunha viaxe do propio Monleón a Galiza nos anos 60, á procura dos espazos valleinclanianos máis emblemáticos.
O segundo ensaio, o de Javier del Valle Inclán, neto do escritor, reconstrúe con minuciosidade, case día por día, os derradeiros meses de vida de Valle Inclán na Compostela de 1935 ata o seu pasamento o 5 de xaneiro de 1936, dando conta das relacións humanas, das excursións, das últimas xestións editoriais e dos penosos avatares médicos que afrontou o autor das Comedias bárbaras. Tamén dá conta das xestións para renderlle diversas homenaxes póstumas ao escritor e do impacto que a noticia da súa morte tivo en diversas publicacións e medios intelectuais e políticos da España e da Galiza desa época.

Por último, Carlos G. Reigosa reconstrúe o clima de tenso enfrontamento que rodeou o pasamento e enterro de Valle Inclán en Compostela, coa cidade polarizada entre os sectores clericais que non aceptaban que o escritor morrese sen confesión e intentaban impedir o carácter laico da cerimonia fúnebre e os sectores esquerdistas, que quixeron facer do soterramento do autor de Luces de bohemia un acto reivindicativo. Nesta última perspectiva, destacou a nutrida presenza galeguista nas exequias, con Castelao, Antón Villar Ponte e Ánxel Casal á fronte.

Emilio Xosé Ínsua

Deixa un comentario!