Menu Xerais

Un libro imprescindible: «Vento e chuvia», de Manuel Gago. Crítica de Xosé Manuel Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou en Galicia Confidencial unha recensión crítica sobre Vento e chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago, ilustrado por Manel Cráneo.

 

 

Todos os teus deuses

Reue, Bandua, Cossue, Lugoue, Navia, Berobreos, Poemana, Bormánico, as Sulas Nantigaicas e Vestio Alonieco, Elmates, o cabalo Ecoine, o Salmón Dourado, Vecio, o corvo Graio, o boi Bo Gallardo, Apana, Boutie, Brumme… Son os deuses e os heroes de ‘Vento e chuvia’, un relato sobre a mitoloxía galega. Crítica de Xosé Manuel Eyré.

Hai libros bos, cos que pasas unhas tardes de lecer proveitoso; hai libros moi bos, que iluminan un período histórico achegándonos a mentalidade e tipoloxía das xentes da época; hai libros fermosos,  desde os que a beleza da palabra enxerta en e transforma a túa vida…A tipoloxía libresca é inmensa, mais en toda esa inmensidade nunca poden faltar os libros imprescindíbeis. E hoxe imos escribir sobre un deles: Vento e chuvia, a mitoloxía da antiga Gallaecia escrita por Manuel Gago e ilustrada por Manuel Cráneo. Ningún pobo ou nación ten a súa idiosincrasia ben descrita carecendo de libros que ilustren a relación das súas xentes coa divinidade ao longo do tempo, pois resulta aboslutamente impescindíbel para identificar o lugar no mundo que lle corresponde, xa que permite comprender e explicar unha particular interpretación da vida e da morte, as preocupacións transcendentes ao longo do tempo. Así que, cando chega ás nosas mans algún libro desta caste, non cabe senón saudalo con euforia do achado longamente agardado.
Superadas, ou iso queren que creamos, lacras como a escravitude ou a discriminación racial, a colonización cultural preséntase como unha consecuencia histórica, irreversíbel mais de segunda orde porque seica, ou iso queren que creamos, non afecta á vida das persoas pois a que relamente condiciona é a colonización político-militar e iso xa pasou, non se dá xa nos temposos das democracias e das constitucións que outorgan á xente dereito a votar cada certo tempo como expresión máxima de liberdade (iso queren que creamos). Porén a colonización cultural afecta a todas e cada unha das manifestacións vitais, xerando regos, ríos e mares de plusvalías económicas ás potencias colonizadoras e, sobre todo, alienando as xentes colonizadas até se esqueceren de si mesmas como resultante dunha evolución secular propia encarnada nunha mentalidade diferente. Velaí o contexto no que aparece este Vento e chuvia, despois de séculos e séculos de imposición cultural allea (en nome da unidade nacional e desde a “lingua para todos”) ao amparo da relixión e da espada. E por iso o noso saúdo, porque nos permite ser máis nós.
Permítenos ser máis nós desde o establecemento e divulgación do panteón galego. Que non pertencemos á cultura mediterránea é algo que non lle escapa a ninguén, malia o esforzo mediático en santificar todo o mediterráneo e esquecer ou menospezar a incontestábel pertenza galega á cultura atlántica. Por iso quen lea este Vento e chuvia notará primeiramente as grandes diferenzas narrativas coa mitoloxía mediterrnaea, mais iso non representa ningún problema lector senón unha manifestación da diferenza coa que non custa esforzo ningún concordar. É algo que se vai vendo/lendo pouco a pouco, e que sae á luz desde os atributos, desde as potencias que a cada un dos deuses caracterizan, en contraste coas mediterráneas. Sinxelamente non é nada doado imaxinar deuses como Reue ou Bandua na mitoloxía grecorromana, igual que as deidades grecorromanas tampouco remataron nunca de encaixar na mentalidade galega.
Prestando especial atención á relación das xentes galegas coa xeografía e co mundo animal, van aparecendo os deuses en narracións que lembran as propias da mitoloxía irlandesa, por exemplo, e que en nada se parecen as da mitoloxía mediterránea, nin no que ten que ver coa narratividade  nin nas potencias e atributos das deidades. Eis Reue, Bandua, Cossue, Lugoue, Navia, Berobreos, Poemana, Bormánico, as Sulas Nantigaicas e Vestio Alonieco, aparecendo en narracións que se enguedellan unhas noutras e admitindo nelas outros deuses ou heroes. Tales como Elmates, o cabalo Ecoine, o Salmón Dourado, Vecio, o corvo Graio, o boi Bo Gallardo, Apana, Boutie, Brumme…Nos tempos dos seurros, dos albións, dos lemavos, dos querquernos, dos baniecos…E sempre localizando os monumentos arqueolóxicos que dan testemuña da súa existencia.
Eis un material narrativo, ficcional, de extraordinaria importancia na reconstrucción da memoria da primixenia conformación do espírito ou idiosincrasia galega ( de algunha maneira lle hai que chamar, aínda que enton nin “Gallaecia” fora palabra de uso, ela non, porén si aquela da que deriva), na conformación da nosa relación coas deidade e tamén co Outromundo. E, de resultas, impagábel para estudar o valor da ficción na conformación mentalidade dun pobo. Neste caso, ademais, contando coa plusvalía da resistencia cultural do pobo e cultura galegos contra a imposición dos valores da mitoloxía mediterránea, entendendo como mitoloxía mediterráea non só a grecorromana senón tamén a cristiá.
Alén do comentado, o libro complementa o ensaio ficcional de Manuel Gagp con dous posfacios. Un da autoría do propio Manuel Gago, de consulta imprescindíbel para quen queira actualizar os seus coñecementos sobre o mundo castrexo, desbotando mitos e poñendo en valor o verdadeiro significado de os castros estaren construídos en pedra e non en madeira, por exemplo, ou a rede viaria castrexa que logo sería aproveitada polos romanos. E o outro obra de Marco V. García Quintela, que se ocupa do tránsito entre a relixión e o mito e entre o mito e a literatura, no que a palabra (como continente, monumento, portador) ten unha grande importancia, ratifica  a celticidade da cultura/relixión/mitiloxía galegas e avisa de que avisa de que a este munda da Idade do Ferro é máis xusto chamarlle “galego” que castrexo. En ambos casos, a lectura é moi doada captando rapidamente un interese que logo non decae.
Como diaciamos no inicio, un libro imprescindíbel do que queremos salientar, para ir rematando, unha cousa: o distanciamento inicial, a estrañización inicial coa que se len os diferentes textos narrativos, axiña se ve superada por unha proximidade narratolóxica/afectiva/cultural/intelectal (manifestadas á vez) directamente`proporcional ao alleamento que a mitoloxía grecorromana provoca en quen ten un mínimo coñecemento da tradición cultural galaica, directamente proporcional ao fracaso da mitoloxía grecorromana entre nós.
Mención especial merecen tamén as impresionantes ilustracións de Manuel Cráneo. Sendo de Manuel Cráneo, agardar outra cousa, ou cualificalas doutro xeito, resulta necesariamente imposíbel.

Deixa un comentario!