Menu Xerais

Un libro que dá ganas de viaxar: «Europa Express», de Andrea Maceiras. A opinión de dúas estudantes do IES de Poio

Reproducimos a opinión de dúas estudantes do Club de Lectura da biblioteca do IES de Poio sobre a novela Europa Express, de Andrea Maceiras, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2015.

 

 

Carla e Sabela preséntannos «EUROPA EXPRESS» de Andrea Maceiras

Esta semana no club de lectura de 4º de ESO tivemos unha invitadas moi especiais: Sabela e Carla, alumnas de 1º de bacharelato e participantes do Club de lectura de banda deseñada.
Acompañáronnos para presentarnos a obra de lectura deste trimestre, Europa express de Andrea Maceiras que previamente elas tiñan lido para a aula de lingua galega.
Estaban un pouco nerviosas e preocupadas por non adiantar nada sobre os feitos que acontecen na novela e custoulles comunicarse coas chicas de 4º de ESO pero finalmente fixéronno moi ben.
Escoitádeas:
  • Carla: “A min este libro pareceume un dos mellores que lin ata agora, engancha moito e unha vez que empezas a lelo xa queres coñecer o final; a verdade é que me levou pouco tempo lelo e recomendaríallo a todos oa meus amigos. Eu penso que Andrea, a autora, soubo en todo momento que facer e como escribilo. O libro provocoume facer reflexións sobre a amizade, eu creo que os amigos non deben distanciarse como lles sucedeu aos protagonistas. Gustoume moito que o punto de vista fose o de todos os personaxes, que todos tiveran a oportunidade de dicir o que pensaban e que os lectores puidesemos saber como se sentía cada un tras a morte de Xacobe.”
  • Sabela: ” É un libro moi interesante que fai que vexas a historia coma algo cercano que nos pode pasar a calquera e esperta reflexións nun mesmo. A min déronmme ganas de facer unha viaxe cos meus amigos e desfrutar moito deles que son o mellor que teño. Este libro fala de amor, coa historia de Xacobe-Aroa-Nico como eixe, da felicidade que sentían ao viaxar todos xuntos por Europa. Tamén dá conta do crecemento, da madurez, da busca da identidade e da morte, circunstancias que fan que os personaxes sexan redondos e que evolucionen ao longo da obra por mor das situacións que viven, que os van formando”.
Grazas pola súa aportación ás dúas.

Comentarios pechados