Menu Xerais

Un libro que debe ser motivo de orgullo para todas as persoas que formaron, formamos e formarán parte desta cidade: «Vigo, puro milagre», de Manuel Bragado. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica unha anotación sobre o libro: Vigo, puro milagre, de Manuel Bragado, publicado por Xerais na colección Crónica – Xornalismo.

 

Vigo, puro milagre, de Manuel Bragado

Explicita Manuel Bragado, no limiar que precede esta compilación de artigos -agardo que sexa a primeira- que vén publicando no Faro de Vigo desde o ano 1999, que estes constitúen “un proxecto cívico de recuperación da memoria” e que se escribiron nese territorio que xorde do encontro entre “a emoción biográfica e a contención política”. Resulta unha verdade incontestable que, en esencia, os setenta e cinco artigos que alimentan Vigo, puro milagre responden tanto á vontade expresada polo autor como á confluencia motivacional  e ecléctica que sinala. Os resultados da lectura han ser, como é lóxico, heteroxéneos e plurais mais indubidablemente sempre satisfactorios pois as conclusións que se obteñan permitirán descubrir pequenos ou grandes detalles sobre a cidade e sobre quen a habitou, confirmar conxecturas e mesmo posibilitará novas pescudas que avancen na necesidade de saber, e entender, o celme da cidade que habitamos baixo a intención de afondar nas dimensións da súa particular identidade. Todas as lecturas que deste libro se fagan, con todo, parecen orientadas para inquirirnos sobre a existencia dunha memoria colectiva que latexa nunha cidade que xa foi mais que aínda é, e sobre a que se articula un percorrido  preciso cun escalpelo memorialístico, por veces amable e en ocasións necesariamente crítico, que contribúe a recoñecernos desde a recuperación de voces e as pegadas do pasado. Por se iso non abondase nestes artigos brilla un indiscutible afán didáctico, asociado cunha vontade de estilo literario presente na claridade expresiva e na solidez compositiva que exhiben con naturalidade.

Imposible, particularmente, achegarse a esta publicación e non considerala un material sensible, altamente sensible, pois por el circula -alén de territorios, espazos, presenzas ou capítulos do pasado que de súpeto acceden ao presente- a memoria tanxible dunha común xinea familiar e, nalgunha medida case xeracional. Valores que non se esquecen con facilidade.

Desde aquel delicioso Dona Carme (1989) ata o presente libro, que conta cun título de marabillosa e confesada inspiración ferreiriana e, ao tempo, con magníficos compañeiros da viaxe, no prólogo e no epílogo, como son Ledicia Costas e Pedro Feijoo, dúas das máis salientables voces literarias -e viguesas- de arestora, moitas cousas ocorreron na biografía persoal, profesional e intelectual do autor pois, entre outros méritos, cómpre non esquecer que polas súas mans, durante máis de dúas décadas, pasaron centos de proxectos que se converteron en libros sen os que non sería, non é, posible explicar boa parte da nosa literatura contemporánea. Este período de longa espera, non o dubido, pagou decididamente a pena e agora só falta que o proxecto -este e calquera outro que Bragado abrace- goce da necesaria e feliz continuidade. Mentres tanto a nosa cidade conta xa cun libro que debe ser motivo de orgullo para o autor, para a editorial que o publica e para todas as persoas que formaron, formamos e formarán parte desta cidade. Beizón.


Deixa un comentario!