Menu Xerais

Un libro que fala de nós dende nós con ironía, retranca e humor: «Dicionario irreal para un país imposible», de Xavier Seoane. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica unha anotación sobre o libro: Dicionario irreal para un país imposible, de Xavier Seoane, con ilustracións de Ramón Trigo, publicado por Xerais na colección Grandes Obras – Edicións Singulares.

.

 

Dicionario irreal para un país imposible, de Xavier Seoane

Non albergo dúbidas de que este Dicionario irreal para un país imposible, do escritor e profesor Xavier Seoane, dificilmente se publicaría nun país distinto ao noso. Explícome: sería “imposible” porque o libro fala de nós desde nós, da nosa historia, dos tópicos e das verdades ou medias verdades que nos contaron e do noso imaxinario; de elementos que, queirámolo ou non, nos foron constituíndo ou alimentando desde o pasado. Mais tamén sería impensable facelo se non houbese alguén, neste caso Xavier Seoane, que adoptase esa perspectiva irónica, retranqueira e humorística que, gobernada por un espírito crítico, e dono como é o autor de moitos saberes, resultase operativa para deseñar os seus contidos -con axilidade narrativa- a través de entradas organizadas alfabeticamente que ben se poden ser como se desexe, por certo.

Hai un innegable desexo de diálogo activo e activista nas páxinas deste libro que resulta posible ler, ou “desler” como se sinala no Ciprianillo e citado nunha sorte de limiar deste libro singular. Malia adoptar a formulación dun dicionario, a súa posta en práctica subverte as limitacións do último e o que nos encontramos sempre será algo inesperado: acepcións que transitan polos camiños da ensoñación ou da ironía; en ocasións, algún relato de intención propedéutica, traducións apócrifas, anécdotas e ecos de innumerables lecturas. Ás veces circula algunha definición máis ou menos canónica, unha achega de literatura comparada, unha visión dun acontecemento desde un ángulo tamén “imposible”…, todo, por xunto, vai construíndo, aos poucos, unha cartografía particular do que somos e non sei se do que queremos ser ou do que dunha vez debemos superar. Desde unha atalaia situada detrás as silveiras Seoane ilustra, divirte -ás veces cun pouso agre porque sería absurdo evitar que no dicionario se ignorase o que molesta ou doe- e fainos reflexionar; permite que nos coñezamos un pouco máis en suma. Non é pouca cousa para un libro.

Ramón Nicolás

 

Comentarios pechados