Menu Xerais

Un libro que se solidariza coas persoas vulnerables que son capaces de medrar na adversidade: «O grupo», de An Alfaya. Anotación no blog de Gálix

O blog de Gálix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, publicou na súa sección: Este libro encantoume, correspondente ao mes de decembro de 2019unha reseña  do libro: O grupo, de An Alfaya, publicado por Xerais na colección Fóra de Xogo. O libro gañou o XII Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2018.

 

Este libro encantoume: O grupo, de An Alfaya

 

Encantoume O Grupo porque é un libro no que a autora An Alfaya expresa xa dende a dedicatoria cales son as súas intencións,solidarizarse con aquelas persoas que son vulnerábeis, e como pese a todo son quen de resistir e medrar na adversidade.

Comeza a novela contándonos quen é Sandra, unha psicóloga e traballadora social,que coordina un grupo de cinco adolescentes no Centro Cívico do seu barrio,todos eles teñen problemas de integración social e autoestima. Unha vez a semana acoden a un encontro con Sandra, seguindo o consello de persoas que os queren.
A través dos protagonistas, a autora nos irá relatando as eivas da sociedade con aqueles que padecen discriminación. Antón sufre polo seu aspecto físico e busca amaneira de fuxir do seu problema atopando refuxio na escuridade dun cine ou do seu cuarto.
Carla é unha moza loitadora e reivindicativa que vive a violencia de xénero na súa propia casa. Amina,unha moza marroquina, soporta estar discriminada por ser doutro país, por ter outros costumes… Runa está postrada nunha cadeira de rodas, ela sabe o que é depender dos demais no día a día para moverse por unha cidade chea de barreiras arquitectónicas. E por último Nico, a orixe da súa discriminación é a súa orientación sexual.

Sandra pretende que os cinco se sintan cómplices do proxecto,nun espazo de liberdade, de medre persoal e sobre todo de respecto as diferenzas, sabe das dificultades de expresar emocións propias, e o difícil que é superar as barreiras e verbalizar os conflitos; ela mesma debido a unha ferida aínda sen resolver sintese insegura e dúbida con respecto a capacidade profesional para levar o Grupo, pero pese aos seus medos,considera que o esforzo pagara a pena e quere intentalo.
An Alfaya é unha autora que escriba o que escriba os seus textos sempre teñen un forte compromiso social, forma parte da súa identidade,contando fondas e reflexivas historias cheas de emocións, non dorme na comodidade, e sempre está buscando un cambio na percepción da realidade dunha maneira amena, ben construída é lírica.

Deixa un comentario!