Menu Xerais

Un libro solvente e rigoroso. «Costa do Solpor» de Xosé Mª Lema. Texto de Xoán Carlos Garrido lido na presentación da Estrada

O blog sobre Costa do Solpor reproduce o texto que escribiu Xoán Carlos Garrido Couceiro para a presentación da novela Costa do Solpor de Xosé Mª Lema, na Estrada.

 

 

TEXTO DE XOÁN C. GARRIDO LIDO NA PRESENTACIÓN DE COSTA DO SOLPOR

NA ESTRADA (22-5-2013)

Agradezo o convite a presentar un libro solvente e rigoroso dun autor serio, profesional e documentado. Un libro que só podería facer quen ten a competencia académica e investigadora de Lema, mais sobre todo a experiencia vivencial da súa comarca natal, da arume da Costa da Morte que eufemisticamente pasa a ser Costa do Solpor. Ou, mellor dito, metaforicamente. Que fermosa imaxe tan cíclica e panteísta para describir a morte.
O problema de que este libro está escrito por unha persoa tan erudita e rigorosa é que custa distinguir a ficción da realidade. Mesmo quedemos coa intriga e sentimos a necesidade de preguntar ao autor pola veracidade dalgunhas achegas que descoñecemos ao comprobar que aquelas que si coñecemos, por moi rebuscada que sexa non se lle escapa a quen asina o relato. Vemos que non deixa pasar un anacronismo nin permite estragar a viaxe no tempo con retratos psicolóxicos dos protagonistas feitos desde hoxe e que por presentismo traizoarían a autenticidade da narración.
Temos que dicir que este é un libro de viaxes onde nós quedamos no sitio e son os outros os que nos visitan. Pero é que os galegos sempre estivemos de viaxe aínda que ficaramos quedos. Porque o que outros chamaban Fisterre como se fóramos o cu do mundo, resultou ser unha encrucillada a que chegaban e pola que pasaban xentes de todo o orbe. Porque o mar non separa, senón ao contrario, durante séculos foi o que comunicaba as persoas de diferentes culturas, as máis das veces de xeito pacífico para intercambiar mercadorías e ideas. E Galiza, eixo ao que chegaban polo sur as culturas mediterráneas desde os tempos dos fenicios, e polo norte dos nosos irmáns celtas, sempre foi unha terra vén comunicada, e da comunicación intercultural fixo que o noso pobo fose colectivamente pouco proclive á conquista, mais ben inclinado á curiosidade e ao respecto de cara as outras culturas.
Que a ninguén lle meta medo o groso do volume porque desde as primeiras páxinas quedará atrapado pola trama. O escritor tivo compaixón do lector e lonxe de mirar por botar fóra as súas elucubracións que en moitos casos a ninguén importa procurou proporcionar elementos de interese e emoción para facer a lectura lixeira e produtiva. Poderemos matar dous paxaros dun tiro, pasar o tempo, aprender da cultura mariñeira e da historia moderna, tamén da arte, da natureza, e mesmo das linguas que se amosan non como exhibición fachendosa dos coñecementos do narrador senón como chaves para mundos formalizados de xeito diverso a través dun planeta ben rico e variado.. E sobre todo é un libro que dá que pensar. E iso é un ingrediente fundamental nunha obra. Non é por botar as augas cara o meu muíño pero un libro sen un transfondo filosófico profundo non é que sexa inútil pero si que perde moito. Un transfondo que podo ser consciente ou inconscientemente tratado polo autor. O lóxico é que un literato simplemente se deixe levar pola sensibilidade do seu espírito inquedo e sirva de canle sen decatarse de preocupacións filosóficas profundas na súa época.
Por deformación profesional eu teño que dicir que o libro pon o dedo na chaga dun debate central nestes momentos que é a revisión da modernidade.
Esa modernidade tan eurocéntrica e androcéntrica da subxectividade cartesiana que tan ben encarnan os piratas protagonistas desta novela. Eses apátridas que se forxan así mesmo a través da súa rapina é a metáfora dunha modernidade que curiosamente naceu no Estado Español coa conquista de América e en Portugal coa de África que se estendeu polo continente europeo até que finalmente chegou a súa máxima expresión en Holanda, Bélxica e sobre todo Inglaterra.
Ese concepto de suxeito do empirismo inglés que era entendido como unha táboa rasa, como unha folla en branco, na que a experiencia ía imprimindo todo o que el era, en definitiva, un odre baleiro no que as súas conquistas ía enchendo de posesións.
Na antigüidade un era o que era. Na modernidade un pasa a ser o que ten. E o que non ten non é ninguén. Tardarán anos en superarse esa lectura da modernidade, en descubrir que na viaxe a prol do tesouro o mellor botín será a propia viaxe máis que o baúl de moedas, e o problema é que unha vez que se conseguiu tomar conciencia diso volveu a esquecerse.
Hai uns días estabamos aquí na Estrada cos das preferentes e subordinadas, compartindo o seu drama humano. Entramos en contacto coa triste realidade dun mundo onde outra volta os piratas que só pensan en arrebatarlle pola forza ou o engano o diñeiro a quen o gañou co seu traballo. Este libro é unha ocasión para lembrar o mundo que pensabamos que deixáramos atrás e que resulta que volvemos ciclicamente a el. Porque debemos ser conscientes de que o solpor non é o final. Detrás de cada solpor hai unha alborada e de que saibamos de nós, da nosa historia, do que nos aconteceu, dependerá que esteamos a espreita agardando preparados para recibir aos novos corsarios que de seguro volverán. Debemos agradecer moitas cousas a Lema por este libro porque polo seu tamaño achega moito, mais eu quero hoxe centrarme neste aspecto. En poñernos alerta para as abordaxes que nos agardan.

Deixa un comentario!