Menu Xerais

Un mapa literario arroupado nunha perspectiva de xénero, que critica o machismo e a ocultación perversa que se fai da muller: «Galicia en bus», de María Reimóndez. Anotación en «Brétemas»

Manuel Bragado publicou en Brétemas unha anotación sobre a presentación na librería Andel de Vigo do libro de poemas Galicia en bus, de María Reimóndez, premio Johán Carballeira de Poesía 2017.

 

«Galicia en bus» de María Reimóndez, en Andel

Fran Alonso, Ramón Nicolás e Susana Sánchez Aríns presentaron onte na Libraria Andel Galicia en bus, o libro de María Reimóndez gañador da vixésima edición do premio Johán Carballeira de poesía convocado polo concello de Bueu. Un poemario que o director de Xerais definiu como «íntimo e social, persoal e político, atravesado pola experiencia de percorrer o país en liñas de autobús» «Galicia en bus é un mapa literario arroupado nunha perspectiva de xénero, que critica de forma moi forte ao machismo e á ocultación perversa que se fai da muller. Un libro con moitas curvas, a pesar de a autora confesa que non é capaz de escribir en bus. Un libro que constitúe unha viaxe na que acaban doendo tanto o cu como a conciencia».
Fran Alonso abordou despois a estrutura dunha obra organizada en catro partes: «A primeira, «Puntos de partida», a segunda, «Traxectos», onde colle moita importancia o corpo; para xa na terceira, presentada como «polos camiños da literatura», abordar as diversas estacións, os lugares e a toponimia, reivindicando, ademais, unha nova arquitectura feita por mulleres. Remata con «Destino?», falando dunha futuro esperanzador, xa que o final do camiño depende da nosa vontade». «O libro, escrito cunha lingua fresca e moi eficaz comunicativamente, supón un repaso de lugares e persoas da paisaxe e da memoria, establecendo ao longo de toda a obra un contrapunto cos textos dun libro titulado O transporte público rodoviario na Galiza escrito por un tal M. Roda, un artificio poético que vai collendo peso a medida que avanzamos na lectura». Rematou Fran Alonso lembrando os dous versos cos que remata o libro: «Transformarei en poesía / o meu destino».

Manuel Bragado

Deixa un comentario!