Menu Xerais

Un percorrido pola historia, circunstancias e razóns do feito literario: «Dentro da literatura», de Suso de Toro. Crítica no blog «Balea Cultural»

O blog Balea Cultural publicou unha recensión de Iria Pedreira sobre o libro: Dentro da literatura, de Suso de Toro, publicado por Xerais na colección Ensaio.

Recensión: Suso de Toro, «Dentro da literatura»

Cando es unha eminente autoridade cunha dilatadísima traxectoria dentro do sistema literario que acubilla a túa obra e te chamas Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956) poden suceder dúas cousas cando o teu último libro sae do prelo: que, non sen certa ironía, a ilusión se vexa descompensada con ese fastío que frecuentemente asedia ás figuras autorais de referencia, sinalando cun dedo acusador a súa sona e omnipresencia (coma se iso invalidase calquera indicio de calidade literaria); ou que o consenso sexa unha vez máis xeralizado, cumprindo con todas e cada unha das expectativas que inevitablemente van en paralelo coa túa condición de autor imprescindible da literatura galega. Se, aínda por riba, a túa nova obra leva por título Dentro da literatura, pode darse unha terceira circunstancia: que o ávido lectorado que adoita seguirte dun xeito irregular e moi pouco fiel sinta a máis fervente das curiosidades e acuda a esta novidade en busca de respostas e interesantes reflexións sobre o feito literario.

Honestamente debo admitir que pertenzo a este terceiro e probablemente máis estrafalario grupo receptor, polo tanto, sentín unha chamada especial que me empurrou a facerme rapidamente cun exemplar, aínda considerando que estas liñas, reflexo da inexplicable necesidade de partillar co mundo as miñas impresións respecto á obra, poderían non ser o suficientemente cualificadas ou válidas debido á miña desequilibrada familiaridade co resto do corpus do seu autor. Mais, evidentemente, Dentro da literatura (Xerais) é moito máis ca un libro para incondicionais. E tamén é moito máis ca un ensaio metaliterario que non pode nin debe pasar desapercibido. Porque, entre outras cousas, tamén fala disto.

Resulta case imposible comezar a falar desta obra sen deternos en primeirísimo lugar a comentar o seu formato e coidadísimo deseño. Nunha sorte de neotratado literario que nos fala de lecturas, canons, estilos e figuras de toda clase e condición, a apreciación do libro como obxecto esténdese ao mesmo continente, provocando un indiscutible deleite visual no lectorado mesmo antes de situarse na primeira das súas páxinas. Un traballo realizado con gusto e esmero, froito da asociación da editora Xerais con NUMAX e que evoca a aparencia dos códices antigos.

Como ben anticipa o seu título, Dentro da literatura propón un percorrido informal e non academicista pola historia, circunstancias e razóns do feito literario. Nunha prosa atinadísima e pouco proclive á prolixidade e/ou o pedantismo, Suso de Toro disecciona dun xeito moi íntimo e persoal a relación entre artefactos e receptores sen descoidar aos creadores e creadoras que no transcurso dos séculos lanzaron as súas obras ao mundo, achegando así o ensaio literario a todo tipo de público. Comeza De Toro o seu ensaio cunha nada acomplexada nin elitista consideración sobre as raíces orais da literatura, apelando ao que desa orixe queda noutros soportes cuxo valor literario semella evidente e recordando un dos parlamentos máis celebrados da historia do cine, o que o androide Roy Batty pronuncia pouco antes de morrer no filme Blade Runner, todo un convite a dar co literario e o poético nos lugares máis imprevisibles e brillante inicio dun periplo por veces inesperado e sorprendente.

Iria Pedreira

Deixa un comentario!