Menu Xerais

Un percorrido singular polo territorio da desolación, a ruína e o abatemento onde nacen as hedras: «Onde nacen as hedras», de Ana Varela. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica unha anotación sobre o libro: Onde nacen as hedras, de Ana Varela, publicado por Xerais na colección Poesía. O libro gañou o VI Premio de Poesía Gonzalo López Abente 2019.

 

Onde nacen as hedras, de Ana Varela

Chego á poesía de Ana Varela a través de Onde nacen as hedras, libro galardoado na sexta convocatoria do premio Gonzalo López Abente, no que supón a súa segunda incursión como poeta con libro independente tras publicar Asombrario, que no ano 2017 gañara o Certame de Poesía Francisco Añón.

A palabra de Ana Varela, precedida de senllos paratextos de Anne Carson e Louise Glück, organízase en catro bloques -os sinais, o oráculo, a fenda e o oco- desde os que vai ofrecendo pistas grazas ás pegadas presentes ou reconstruídas nun percorrido singular que se fai polo territorio onde nacen as hedras: o territorio da desolación, da ruína e o abatemento. Varela exhibe un emprego sólido da imaxe visionaria e unha querenza indisimulada pola contención expresiva que posibilita asistir, así, ao relato dun cosmos constituído por numerosas (micro)historias: luzadas que reverberan talvez polas súas conclusións desacougantes, por veces crípticas e sempre propicias á reflexión.

Sucan, os poemas do seu libro, espazos deseñados nunha instantánea concreta evocada ou suxerida con brevidade, para logo deixar falar ao oráculo, que nos achega ao inefable ou misterioso, ao que ten o poder de velo todo,  para desembocar nun universo establecido no gume da cordura, ou no da loucura, que esvara pola visión dun territorio da devastación que conta con “cuartos cosidos coa hedra que sobe polo muro”.

Os obxectos, os acenos, as experiencias…, todo o imaxinario aquí recollido representa a memoria que, contra o final do libro, se fai máis presente e devora o espazo de maneira inapelable nunha loita desesperada contra o tempo e as derrubas, as singulares e as colectivas; contra o esgazamento e sempre a prol de perserverar nos eidos da memoria porque apreixala é o que permite reconstruíla e visitala de novo.


Comentarios pechados