Menu Xerais

Un poemario con pezas poderosamente antolóxicas: «Dos tempos sombrizos», de Daniel Salgado. Crítica de Román Raña

Román Raña publicou nas páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre o poemario Dos tempos sombrizos, de Daniel Salgado.

 

Setenzas visionarias

Con depurada e incisiva voz

Podo afirmar, sen ningún medo a equivocarme, que Dos tempos sombrizos é o máis maduro libro que compuxo Daniel Salgado (Monterroso,1981). A súa segue sendo unha poesía de sentenzas visionarias, firmemente arraigada na lucidez do pensamento dialéctico (Heráclito, Hegel), mais ese estilo sentencioso vai difundindo un estado de ánimo, de pesimista perplexidade perante un mundo errático, e un estado de ánima, a tristura magmática que se vai apoderando do texto transtornando os sentidos. Había tempo que non lía un poemario con pezas tan poderosamente antolóxicas como “Ponte Mourelle” ou “A Peneda”, ou a inquebrantábel reflexión sobre a terra e o tempo en “A horta do notario”, ou o metafísico realismo de “Catro camiños” ou o infatigábel mergullo na infancia de un mesmo e do tempo que xamais retornará, “As quendas”.

En todo momento impacta a descrición do que pasa e pesa no peito e o que pasa nas casas, aquén e alén, no incerto territorio da memoria. Libro verdadeiramente esencial, ao que cómpre dar o máis absoluto dos recoñecementos porque, tamén, a voz de Daniel Salgado, depurada, incisiva, vai edificando a terra persoal da poesía, da súa poesía. E esta íntima e lírica edificación, estamos seguros, é un espazo só reservado para grandes poetas.

Román Raña

 

Deixa un comentario!