Menu Xerais

Un poeta fulcral: «Ramón Cabanillas, Cambados e o mar de Arousa», de Francisco Fernández Rei. Por Miro Villar

O escritor Miro Villar publicou no seu blog unha anotación sobre a presentación do libro Ramón Cabanillas, Cambados e o mar de Arousa, de Francisco Fernández Rei.

 

Na presentación de Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa, de Francisco Fernández Rei

Onte estivemos entre o público que acompañou ao académico e profesor Francisco Fernández Rei no lanzamento da súa obra Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa, publicada por Xerais e que foi presentada polo seu Director Editorial Manuel Bragado e polo tamén académico e profesor Antón Santamarina. Na súa bitácora Brétemas, Bragado recolle unha pormenorizada crónica do acto de presentación. Do meu interese persoal neste volume darei conta nunha recensión que vira a luz no próximo número de Grial, Revista Galega de Cultura, da que agora adianto os primeiros parágrafos. Velaquí:

Un poeta fulcral, a súa lingua e o seu territorio

Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa

Francisco Fernández Rei

Vigo: Xerais, 2015, 368 páxinas

Conmemórase o centenario da publicación de Vento mareiro, o segundo libro de Ramón Cabanillas, que de atérmonos ao colofón rematouse de imprentar o 1 de marzo de 1915 n’A Habana. E alén dos actos que lembrarán esta efeméride non se podía celebrar de mellor maneira que con este volume da autoría do académico e filólogo Francisco Fernández Rei, que escolma trinta textos (21 éditos e 9 inéditos) derredor dunha tríade temática: a memoria de Cambados, o lugar natalicio do autor destas páxinas e do poeta; as anotacións sobre a biobibliografía de Cabanillas e a construción da nosa lingua literaria, nomeadamente no que ten a ver co léxico e a fraseoloxía do mundo mariñeiro.

Porén son moitos os fíos comúns que entretecen a urda desta colectánea que chegou ás librarías poucos días despois do pasamento do grovense e técnico cultural en Cambados, Luís Rei Núñez, autor da erudita e imprescindible obra monográfica Ramón Cabanillas: Crónica de desterros e saudades (Vigo: Galaxia, 2009), unha persoa que no dicir de Fernández Rei foi fundamental á hora de se documentar sobre os tempos pretéritos cambadeses e sobre o seu poeta máis sobranceiro.

Con dispar extensión os trinta textos proveñen case todos de diferentes fíos desenvolvidos a partir do ben interesante discurso co que Fernández Rei se converteu en académico de número na RAG e que se publicou baixo o título Ramón Cabanillas, Manuel Antonio e o mar da Arousa. Dúas singraduras na construción dun idioma para unha patria.

Escritos entre os anos 1999 e 2014, de quitado de dúas breves pezas de 1977, un deles no mítico semanario galeguista Teima e outro nun volume colectivo que a USC editou na Homenaxe a Cabanillas no centenario do seu nacemento, os textos preséntanse en cinco apartados e indican sempre a data e o lugar da publicación ou o espazo da pronunciación no seu caso. E a única, e ben pequena mácula, é que imos atopar datos e opinións reiterativas en moitas ocasións, por máis que sexa evidente o esforzo porque eses parágrafos tivesen unha redacción diferente. Acaso non podía ser doutro xeito, dada a natureza dos textos e a trabe común que os atravesa.

(…)

Miro Villar

Deixa un comentario!