Menu Xerais

Un problema social que nos enche de interrogantes: «As palabras poden matar», de Marcos Calveiro. Anotación en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publicou unha recensión crítica sobre As palabras poden matar, de Marcos Calveiro.

 

As palabras poden matar

Silencio. As palabras poden matar. O medo pode axudar a sobrevivir. Ou a malvivir. Mentres hai vida, hai esperanza. Mentres respiremos, podemos dicir que estamos vivos. Aínda que ao noso arredor só haxa inxustiza, vinganza, pobreza, morte. Vivir como marxinados, vivir baixo a opresión, vivir procurando nun horizonte inexistente unha saída. Pero vivir. E se o Silencio comeza a ter eco, ata é posible, quizais, que algún día ese eco se convirta nunha voz, esa voz nun clamor, ese clamor en solidariedade, esa solidariedade en forza, esa forza en remuíño… Ou non. Quizais todo sexa unha ilusión. Vivir nunha situación marxinal pode reverterse? Está a sociedade preparada para que exista tal cambio? Sempre existe a disxuntiva, escoller entre o ben ou o mal? O mal predomina, manda. Impón a lei do Silencio. A lei do medo. E así, subxugados por ese medo, percorremos o mesmo camiño cada día. Sen saír dese estado. Ou quizais, toleando. Porque ese ser “tolo” é un xeito de fuxir da realidade, unha maneira de soñar, de atrapar un horizonte que nos estaba vedado. Existe esa liña do horizonte, esa que nos impide ver un mar límpido de liberdade? O pasado é cruel, o futuro… existe? Podemos conseguir unha paz duradeira? Somos quen de erradicar o Mal das nosas vidas?
Marcos Calveiro, unha vez máis, incide nun problema social que nos deixa cheos de interrogantes e que procura na nosa alma a desazón que esquecemos cada día por vivir nunha sociedade máis acomodada que a que nos presenta. As palabras poden matar foi finalista do premio Verne o ano 2014 e vén de se publicado por Xerais. Agora, o lectorado adolescente ten a palabra. Agardámola.

Comentarios pechados