Menu Xerais

Un referente da poesía infantil radicalmente contemporáneo: «Cidades», de Fran Alonso. Crítica de Berta Dávila

Berta Dávila publicou en El Correo Gallego unha recensión crítica de Cidades, de Fran Alonso.

 

Poesía urbana e subversiva

«Cidades», un clásico contemporáneo da Literatura Infantil e Xuvenil de Fran Alonso que vén de ser reeditado en Xerais

A escrita de Fran Alonso (Vigo, 1963) ten a marca da mellor literatura para a infancia e a mocidade, esa que considera o lectorado a quen se dirixe un suxeito intelixente e capaz de valorar a innovación, o risco e o subversivo; a que se escribe poñendo a énfase en facer, en definitiva, boa Literatura -con maiúsculas- e afastándose de todos cantos clixés existen.

Mostra disto é o seu poemario Cidades, editado na colección “Merlín” de Xerais de Galicia no ano 1997, que vén de ser reeditado en “Sopa de Libros” da mesma casa editorial. Así, segue a ser un texto de enorme novidade dentro da poesía que agora se escribe para este lectorado: un poemario que afonda no urbano, que se serve do verso libre e dos recursos da poesía actual e ao que hai que engadir outras achegas ben interesantes do escritor e editor vigués neste ámbito, como o diferente e divertido O meu gato é un poeta (publicado pola editorial Xerais no ano 2011), recensionado nesta sección.

PREMIO RAÑOLAS. A reedición de Cidades achega unha revisión do poemario co que o autor acadara o Premio Rañolas no ano 1998, que supón (ademais da adición de dúas novas composicións) a reescrita dalgúns dos poemas como “A miña cidade pousa os beizos sobre o mar” (páxina 14) ou “Cando a cidade enferma” (páxina 33), nun proceso de axilización estilística, de condensación de imaxes poéticas (que cobran aínda maior potencia) e de actualización de escollas léxicas.

Prodúcense tamén cambios máis profundos en textos que, se ben manteñen a semente inicial, mudan e perfeccionan a estrutura e o enfoque para multiplicaren o seu poder suxestivo, como ocorre en “Hai un enorme monstro azul” (páxina 42), convertido en xenial alegoría do influxo da televisión como medio de comunicación de masas en contraposición coa versión anterior menos sutil (“A televisión, para min”, páxina 37 de 1997) pero tamén de grande potencia metafórica.

A estas modificacións engádese un cambio nas ilustracións, a cargo esta vez do propio autor que, como no antes mencionado O meu gato é un poeta emprega ferramentas de edición fotográfica sumadas ao recurso da colaxe para acadar unha proposta visual certamente dinámica, en íntimo diálogo cunha distribución dos textos pouco convencional e de grande atractivo para o lectorado, nun conxunto verdadeiramente logrado de texto e imaxe.

INTIMISTA E SENSORIAL

O tratamento intimista, sensorial e reflexivo que a voz poética fai de temas como as problemáticas contextuais da cidade (a desigualdade social observada na rúa, a incomunicación das persoas, a contaminación…) ou o sentimento de apego á propia orixe urbana, converten a obra nun poemario radicalmente contemporáneo, capaz de gañar lectores para a poesía actual.

As Cidades de Fran Alonso son unha aposta de futuro, unha achega fundamental que pode considerarse, por dereito, xa un referente da poesía infantil e xuvenil galega.

Deixa un comentario!