Menu Xerais

Un relato onde o medo e evidentes doses de humor abrazan unha historia na que unha pequena araña vai descubrir o mundo: «A araña que lles tiña medo ás arañas», de Ramón D. Veiga. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica unha anotación sobre o libro: A araña que lles tiña medo ás arañas, de Ramón D. Veiga, con ilustracións de Iván Rodríguez Castro. O libro está publicado por Xerais na colección Pequeno Merlín.

 

A araña que lles tiña medo ás arañas, de Ramón D. Veiga

Ás portas do Samaín chega unha oportuna e nova entrega, en forma de álbum ilustrado, para as máis novas e novos da casa: en A araña que lles tiña medo ás arañasRamón D. Veiga -responsable de dúas  propostas que xa comentamos neste blog-  e nesta ocasión coas ilustracións de Iván R. ofrece un relato para un lectorado onde o medo, mais tamén evidentes doses de humor, abrazan unha historia de carácter acumulativo, sempre en continuo movemento e protagonizada por diversos animais -un sapo, unha ra, un galo e un lagarto- alén dunha nena, mercé aos que unha pequena araña -intuitiva e ao tempo afouta- vai descubrir o mundo.

Son indubidables as vantaxes que carrexa un relato infantil cunha estrutura como a sinalada e que non vou reiterar aquí, mais se se fai, ao tempo, dun xeito divertido e cunha fórmula reiterada no libro que homenaxea ao versos rosalianos “¡Non che teño medo, moucho, // moucho, non che teño medo!”, o resultado é espléndido.


Deixa un comentario!