Menu Xerais

Unha obra crítica, de ritmo rápido, que xoga coas palabras: «O refugallo», de Paula Carballeira. Anotación en Rede lectura

Rede lectura, o blog da Asesoría de Bibliotecas Escolares publica unha anotación sobre O refugallo, de Paula Carballeira, Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, editado en colaboración con AGADIC.

Libros de teatro. Teatro para ler e para ver

Paula Carballeira gana de novo o premio Manuel María de Literatura Dramática 2011 (despois de Boas noites) coa obra O refugallo, que aparece publicada na colección Biblioteca Dramática Galega de Xerais. Ilustrada por Dani Padrón, co seu característico estilo.
Situada no lugar do refugallo, catro rapaces xogan desde o que cada un deles é: Isolda ten un libro de viaxes, Barborante é un neno con tartaruga, Hipatia ten un telescopio e Lustucú unha pata de pau. Cada nome e cada obxecto fala do personaxe e do destino.
A acción consiste no xogo dos rapaces que vai  transformando o espazo: Isolda poñeralle nome, Hipatia achegará a información…
Xogan “ás casarotas” nun nonsense que divertirá aos máis pequenos e fará pensar aos máis grandes, porque o pasan ben nun lugar de mágoa, porque os nenos poden sorrir en calquera lugar, xogar nos malos tempos… Viaxan a bordo do refugallo e chegarán aos paraísos, para iso está a imaxinación e ¡a palabra!
Co ritmo rápido a que nos ten acostumados a autora, brincando coas palabras e os seus significados, coas cancións e as imaxes, co libro ou co teatro representado pola compañía de Paula, deixémonos ir ao refugallo ¡seguro que o pasaremos ben!

Comentarios pechados