Menu Xerais

Un singular exercicio de ficción entre a evocación e a realidade: «O verán en Lucenza», de Alberto Fortes. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica, e no suplemento Fugas de La Voz de Galicia, unha anotación sobre o libro: O verán en Lucenza, de Alberto Fortes, publicado por Xerais na colección Narrativa.

 

O verán en Lucenza, de Alberto Fortes

Fálase neste libro de moitas cousas malia a súa brevidade e, entre elas, da memoria das troitas. Dise destas que a súa memoria “se esfariña cando afronta as lembranzas, mais que todo o pode cando o que afronta son os feitos”. É probable, dentro desa desasosegante incerteza que nos domina desde a primeira ata a derradeira páxina desta novela, que esta sentenza ou apreciación – quen sabe se verdade certeira e mágoa que o profesor José Juan Moralejo xa non nolo poida confirmar- sexa a forza motriz que goberna este tan singular exercicio de ficción erixido nese difícil punto de equilibrio que abala entre o que son as evocacións e aquilo que foi ou é a realidade.

Singular, dicía, porque contra o que pode parecer O verán en Lucenza articula un feliz encontro entre a chamada narrativa de formación por un lado e, polo outro, esa fervenza de índole memorialística -privativa e particular, mais comunal tamén- onde se nos formula a pregunta de se a memoria é o que somos quen de lembrar ou aquilo que nos contaron e que, seica, puido ocorrer. Todo isto arrastra a plasmación  dun espazo transparente e vívido grazas á palabra dun adolescente que rememora en primeira persoa o que, no fondo, o leva a vivir baixo o peso da culpa e, dalgún xeito, do pecado encerrado no corpo: algo que se converte nunha lousa coa que cómpre vivir e saír adiante sen xulgar pois aquí só se conta e expón, dalgún xeito con certa asepsia.

Ten varios méritos máis esta novela: Fortes sabe manter esa atmosfera de incerteza, esa verniz de desasosego ao longo de todo o libro e, por outro lado, consegue convencernos de que non sempre o que non se pode verificar ten que ser falso, e mesmo ao revés, asistindo sempre a un fluír dos enigmas, pasmosamente efectivo, nese neboeiro, afastado de intencións antropolóxicas, que é a vida cotiá nunha aldea galega por volta dos anos setenta onde as descubertas e as sospeitas nos conducen por camiños, en ocasións, insospeitados.

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 28 de febreiro de 2020.

Ramón Nicolás

 

Deixa un comentario!