Menu Xerais

Un texto para contar, cantar e memorizar que non debe faltar en ningunha biblioteca de Educación Infantil: «Dez gatiñas viaxeiras», de Eva Mejuto e Víctor Rivas. Anotación de Manuel Bragado

O editor Manuel Bragado publicou no seu blog Brétemas unha anotación sobre o libro: Dez gatiñas viaxeiras, de Eva Mejuto, con ilustracións de Víctor Rivas. O libro está publicado por Xerais na colección Pequeno Merlín.

 

 Dez gatiñas viaxeiras, de Eva Mejuto e Víctor Rivas

 

Cando se xuntan os talentos de Eva Mejuto, unha experta en álbum ilustrado (velaí os seus xa clásicos como Maruxa), e de Víctor Rivas, un dos ilustradores galegos internacionais máis agudos, non é estraño que ofrezan unha marabilla como Dez gatiñas viaxeiras (Xerais 2019). Utilizando a estrutura dun conto tradicional acumulativo decrecente e textos rimados, o que permite unha doada memorización, propoñen ás primeiras lectoras unha viaxe en furgoneta pola Galicia enteira, dende o monte de Lestrobe até a Illa de Ons, pasando por Trives, a Muralla de Lugo, ás videiras do Salnés, o teatro de Ourense, o tráfico de Vigo, e o acougo da illa de Ons, onde viaxan cada unha das gatiñas.

Un texto para contar, cantar e memorizar, que incita a unha lectura visual detallada na procura de informacións gráficas agochadas, o que a transform nun xogo de identificación e procura de diferenzas. Aventúrolle  a este álbum un éxito rotundo. Recomendo que pola súa utilidade didáctica e a orixinalidade da proposta de coñecer o país non falte en biblioteca de aula ningunha de Educación Infantil.

Manuel Bragado

Comentarios pechados