Menu Xerais

Un texto para reflexionar sobre o valor da lectura como vieiro para vivir unha vida máis plena: «Catro cartas», de Xabier P. DoCampo. Anotación de Manuel Bragado

O editor Manuel Bragado publicou unha anotación no seu blog Brétemas sobre o libro: Catro cartas, de Xabier P. DoCampo, publicado por Xerais na colección Merlín.

 

Catro cartas’, de Xabier P. DoCampo

 

A reedición de Catro cartas (Xerais 2020) de Xabier P. DoCampo, ilustrada por Fino Lorenzo, lembroume a xestación de Sopa de Libros, a colección onde foi publicada a súa primeira edición por Anaya Infantil y Juvenil (2000). Un agasallo que Xabier fixera ao seu amigo o editor Antonio Ventura, entón responsable da colección, onde despois de obter o premio nacional (1994) publicara O pazo baleiro (1997), na edición orixinal en galego e na traducidas para o castelán e o catalán. Foi o de Sopa un proxecto editorial, bautizado de forma informal como «Amadís», no que os directores de tres das editoras con catálogo infantil do Grupo Anaya, Emilio Pascual (Anaya Infantil y Juvenil), Ramón Besora (Barcanova) e eu mesmo (Xerais) intentamos deseñar unha colección de lecturas graduadas de calidade na que se trasvasasen de forma normalizada textos e ilustracións procedentes das tres linguas (castelán, catalán e galego) a carón de textos traducidos europeos.

Aquel proxecto Amadís con espírito de clásico de cabalaría, finalmente, naceu como Sopa de Libros e  sen a presenza de Xerais durante os primeiros anos, noutra das periódicas reviravoltas da relación da editora viguesa coa súa propietaria. Tras aquel vello e decepcionante trasacordo, non podo agochar o meu entusiasmo polo feito de que aquelas Catro cartas de Docampo, testemuña imperecedoira e extraordinaria sobre o valor do libro, a lectura e a literatura, sexan publicadas vinte anos despois por Xerais, feito que sei moito hai que agradecer a María Xesús Bello Formoso e Daniel Puente Bello, as herdeiras de Xabier. Un libro breve, apenas corenta páxinas ilustradas por Fino Lorenzo, o mestre galego da colaxe e da ilustración povera, mais unha obra esencial para entender a concepción da literatura como unha emoción compartida, poética que Xabier defendeu ao longo de toda a sua obra.

Catro cartas, que son cinco, que o mestre cheirego escribe a súa amada («os libros foron un lugar de encontro ao que vamos procurándonos»), ao fillo («eu sei que a miña vida durará tanto como eu perdure no teu recordo»), a mai («a lectura é un traxe que lle senta ben á alma e faina máis fermosa..»), a R.L.S. («aprendín a ler, a convertir cada lectura nunha aprendizaxe») e ao lector ou lectora das cartas anteriores («ler e escribir son dúas iniciativas individuais que nos axudan a indagar en nós e, ao mesmo tempo, substanciarse no outro, por medio da entrega, da xenerosidade, do amor…»)

Transcorridos vinte anos daquela primeira edición, confeso que a lectura destas Catro cartas, libro de cabeceira ao que volvín en moitas ocasións, produciume aínda maior emoción xa que identifiquei nestas páxinas boa parte das hélices do ADN literario de Xabier. Identifiquei os argumentos das súas intervencións orais sobre o valor da lectura como a semente de textos de creación ou de crítica posteriores, xa que para Paco (así o chamaba o mestre Agustín) «toda escritura é sempre un treito da viaxe que nos conduce a nós mesmos». Como aquí aparece que a lectura é para cada lectora unha indagación sobre unha mesma, na procura do amor, da tranquilidade, do coñecemento, da salvación… Ideas e fíos que Docampo desenvolveu en libros fulcrais como O libro das viaxes imaxinarias (2008) ou A illa de todas as illas (2013). Como nestas páxinas está tamén a súa convición de que a lectura constitúe unha creación e recreación de cada lector nun exercicio que a todos converte en narradores, xenerosos doadores de palabras e de historias.

Benvida esta reedición de Catro cartas, agora en Merlín (a outra colección graduada de Xerais que conta xa con 300 títulos!), un texto ideal para volver a reflexionar sobre o valor da lectura literaria como vieiro mellor para vivir unha vida máis plena, unha das causas polas que entregou a vida e a palabra o mestre Xabier. Parabéns a herdeiros e editora por tan excelente iniciativa.

Comentarios pechados