Menu Xerais

Un «thriller» cos ventos da historia: «Agosto de memoria e morte», de Xoaquín Fernández Leiceaga. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou en La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre Agosto de memoria e morte de Xoaquín Fernández Leiceaga.

 

 

Un «thriller» cos ventos da historia

O ex deputado socialista no Parlamento de Galicia e economista X. Fernández Leicega publica a súa primeira novela: unha suxestiva proposta a cabalo entre a pescuda policial e o ámbito histórico, con Noia e Compostela como panos de fondo

Nove días de tempo real, que condensan un rodopío incensante de acontecementos ocorridos ao longo do mes de agosto de 1974, a carón doutras plásticas olladas que nos obrigan a revivir sucesos que van de 1931 a 1936, fundamentalmente na vila de Noia e en Santiago, constitúen os parámetros temporais desta estrea literaria de Xoaquín Fernández Leicega.

Esta proposta, moi coidada estrutural e documentalmente, fai confluír dinámicas que entrelazan a narrativa de investigación e a histórica, e resulta operativa para dirixir unha ollada lúcida aos convulsos días da República e a Guerra Civil que aínda proxectan unha sombra escura e duradoira nos mesmos estertores do franquismo. Todo parte, dalgún xeito, das esperanzas que agroman na vida duns mozos que abrazan a causa do movemento Ultreia e que, aos poucos, esvaran cara a posicións ultraconservadoras de xeito que, pasados os anos, irán involucrándose nun labirinto de prácticas de dubidosa legalidade para que, nese contexto alguén decida intervir para «devolver a orde ao mundo».

A novela, alicerzada con personaxes sólidos alentando en contextos verosímiles, emprega con acertos recursos que, inspirados na ambigüidade, axudan a manter a intriga até as liñas finais onde todo se resolve, de xeito ben pouco previsible. O exercicio literario de Leiceaga prioriza como materia narrativa asuntos como a memoria e as ideoloxías, mergullándose nos inesperados xiros que pode ofrecer a conduta humana reparando, sobre todo, nas engrenaxes dun poder que procura perpetuarse malia que sexa sobre feridas que nunca cicatrizaron. Non dubido que este Agosto de memoria e morte constitúe unha das gratas sorpresas narrativas deste verán.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados