Menu Xerais

Un varrido documentado arredor da literatura clásica en galego para a infancia e a mocidade: «Da Carapuchiña ao señor Lamote», de Miguel Vázquez Freire. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica unha anotación sobre o libro: Da Carapuchiña ao señor Lamote, de Miguel Vázquez Freire, publicado por Xerais na colección LibroX.

 

Da Carapuchiña ao señor Lamote, de Miguel Vázquez Freire

É posible que este Da Carapuchuña ao señor Lamote pase un tanto desapercibido, ou oculto, entre as apostas ensaísticas máis recentes que, por outro lado, resultan felizmente abondosas nos últimos tempos. Teño para min que, de ser así, non se lle faría xustiza a un libro ensaístico, por suposto, mais que se le con fluidez por ese punto medio que Miguel Vázquez Freire consegue e que non é outro que o de harmonizar un espírito divulgativo, alleo a academicismos, respecto da literatura clásica para infancia e a mocidade vertida á  lingua galega -tal e como reza no seu subtítulo- co razoamento obxectivo dos valores literarios que incorporan esas pezas, ofrecendo asemade unha lectura moi acaída cos condicionantes históricos en que eses libros se publicaron ou recollendo atinadamente as dimensións de carácter ideolóxico ou filósofico que poden atesourar.

Vázquez Freire realiza, así pois, un varrido documentado arredor destas obras e, o que resulta máis relevante, explica con paixón os valores dese corpus textual que calquera afeccionado á literatura, que calquera docente, mediador ou mediadora pode atopar en lingua galega niso que se dá en chamar literatura infanto-xuvenil. O traballo de documentación para erixir unha proposta destas características é inxente e tamén resulta case oceánica a vontade de espallar, e actualizar, referencias bibliográficas, cinematográficas e doutras ordes, alén de suxerir diversas actividades de traballo de grande utilidade.

A orixe dos textos, publicados illadamente na Revista Galega de Educación, explica un formato común nos máis dos capítulos que acadan, con todo, unha unidade e coherencia salientable que máis nos fai pensar nun sólido manual ao tratar, cada unha das obras nas que repara, desde unha visión global amosando a súa desconfianza e crítica con aquelas versións que se acaroan a unha simplificación innecesaria ou, noutros casos, a un adoutrinamento ideolóxico que perpetúa valores ou actitudes periclitadas ou fóra de lugar.

Non dubido en sinalar este traballo como unha achega moi salientable no seu ámbito, á marxe do que entendo como algunhas ausencias, supoño que inevitables ao non idearse o volume cun afán totalizador, na análise da lix galega ao contemplar unicamente as figuras de Neira Vilas, Casares, Paco Martín ou o traballo realizado por Luís Seoane como ilustrador de libros de infantís. Penso, claro é, en voces clásicas como as de Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey , Xohana Torres ou María Victoria Moreno que, se cadra, ocuparán no futuro outro volume do autor centrado na análise literaria da produción destas voces. Agardamos por el.

 

Deixa un comentario!