Menu Xerais

Unha alfaia que deita luz sobre as cousas que importan: «Humildar», de Suso de Toro. Crítica de Berta Dávila

A escritora Berta Dávila publicou no xornal dixital Praza Pública unha recensión crítica sobre o libro de ensaio Humildar, de Suso de Toro.

 

 

Suso de Toro e as palabras da tribo

Edita Xerais na súa colección LibroX esta alfaia que é Humildar de Suso de Toro, un ensaio fragmentado en pezas brevísimas que merecen unha lectura atenta e un lugar de privilexio no andel dos libros que deitan luz sobre as cousas que nos importan. Lembro arredor deste texto aquilo que dicía Mallarmé en Le tombeau d’Edgar Poe sobre devolverlles o sentido máis puro ás palabras da tribo. Sinalaba o lapso que se abre entre dicir e designar, unha fenda que conduce aos poetas finiseculares a tomar conciencia da existencia dunha deriva do estado supostamente primixéneo da linguaxe na súa relación cos obxectos do mundo: o contrato roto de George Steiner. E tamén Barthes.

Circundando esta idea podemos inscribir esta colección de textos de Suso de Toro, que se centra máis na constatación de que as palabras son casas tomadas polo dogma, que as colma dunha sorte de lixo semántico para apropiarse dos seus significados trascendentes, desposuíndo delas a quen quere transitar fóra. A colonización xudeocristiá de cada ritual de vida deixounos orfos de celebracións, de protocolos de pasaxe. Desprenderse do peso recibido involuntariamente, tratar de liberarse do seu pouso, leva consigo a perda da cerimonia. E se a linguaxe é o que constrúe pensamento, e recibimos en herdanza as palabras que sufriron un proceso invertido, no que a tradición relixiosa construíu pensamento dentro delas para entregárnolas colmadas dunha cosmovisión que rexeitamos,  liberarnos desa cosmovisión é tamén perder a palabra que nos pertencía.

O vencello entre a palabra e os ritos (nacer, unirse a outros, agradecer, nomear, conquistar o lugar), proponse neste ensaio brevísimo a partir da necesidade mesma de nomealos e resignificalos (ou des-significalos). Así é como nace a linguaxe do libro e no libro. Achegarse ao sentido das palabras reconfigura a vivencia de encontro con ese universo perdido (roubado). Escribiu  T. S. Eliot: “tivemos a experiencia, pero perdemos o sentido,/ e achegarse ao sentido, restaura a experiencia.”

Humildarse é aceptar que a vida é o que nos rodea e nos posúe. Que non acaba en nós. Celebremos a vida, di o primeiro dos textos. Celebremos tamén este libro que naceu. Para non perder.

 Berta Dávila

Comentarios pechados