Menu Xerais

Unha axenda xenuinamente galega: «Axenda 2004». Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog unha recensión crítica sobre a Axenda Xerais, elaborada por Celia Torres.

 

O engado da axenda tradicional

A axenda, segundo o Dicionario da Real Academia Galega, é o ´libro ou caderno onde se apuntan cousas de interese como aquilo que se ten que facer, enderezos, números de teléfono etc. e que inclúe tamén informacións útiles´. Non hai tanto tempo todos tiñamos as nosas axendas tradicionais para apuntarmos as obrigas, citas e angueiras que debiamos solventar cada día. Así mesmo alí estaban os enderezos e teléfonos das nosas amizades. Nos últimos tempos, coa moda dos ordenadores ou dos móbiles, a axenda tradicional pasou a un segundo plano. Pero a axenda non só tiña un carácter utilitario, senón que ademais, como libro ou caderno, tiña unha estética, un tacto especial e mesmo as informacións que ofrecía non eran estritamente utilitarias, senón que, na tradición dos calendarios e almanaques decimonónicos, podía ofrecer efemérides ou mesmo textos literarios. Xerais recupera agora a axenda nesta tradición de utilidade, mais tamén de estética do libro e produto cultural.

Na liña das mellores axendas utilitarias, esta ofrece as informacións sobre medios de transporte e viaxe, os teléfonos de urxencia, os datos sobre as institucións e organismos oficiais ou mesmo sobre os medios de prensa. Nesta listaxe figuran todos os concellos de Galicia. No eido da prensa cómpre sinalar que non se esquene o xornalismo dixital ou electrónico. Por faltar non faltan nin a Real Academia Galega nin o Consello da Cultura. Parabéns por esa atención ao mundo da cultura e da lingua!

Xa pasando ao Dietario, o que máis me gorenta del son as efemérides de cada día. Eu teño que confesar que as lin todas. É así mesmo un acerto a reprodución de refráns e expresións populares relacionados co día ou  mes presentados. Ás veces a linguaxe destas notas destinadas ás efemérides ten unha fasquía coloquial chea de encanto. Así no 13 de xaneiro dise: 1998 O Discoverer Enterprise leva por diante a ponte das Pías de Ferrol.

Cómpre dicir que é unha axenda xenuinamente galega, con información sobre os grandes feitos e personalidades da nosa comunidade, desde a política á literatura, pasando por calquera aspecto de interese para a nosa sociedade civil. Neste eido, viría ben que nas clases se utilizase para que o profesorado se referise nese día, aínda que fose por enriba, á efeméride do día. Así un 30 de xaneiro naceu Castelao. Mais tamén é unha axenda internacional e universalista. Sinala, por exemplo, que este luns 27 de xaneiro é o Día Internacial en Memoria das Vítimas do Holocauto.

Presenta, ademais, a Axenda, a través destas efemérides, unha visión de Galicia afastada dos tópicos de ruralidade e atraso que algúns nos queren apoñer. Que motivo de orgullo é para nós ler que o primeiro barco de vapor que se construíu na península Ibérica foi en Ferrol (efeméride do 10 de febreiro))!

Mesmo algunhas destas efemérides serven para lembrarnos fitos históricos dos que fomos testemuñas directas ou indirectas. Así no 22 de febreiro de 1928 abriu consulta en Vigo a primeira muller galega licenciada en Medicina. A avoa e mais a nai de quen isto escribe foron no seu día pacientes de dona Olimpia, como elas a chamaban cun aquel de veneración! Cómpre sinalar así mesmo que a axenda indica en cada día o santo correspondente, mais faino, dunha maneira que tanto nos agrada aos laicos, suprimindo o adxectivo san/santo.

En fin, eu vin esta axenda de cabo a rabo e gocei con ela. Agora, cada día, apunto nela as miñas angueiras e leo tamén cada fin de semana as efemérides e mesmo festas da seguinte semana. Así, na semana que comeza o luns 28, aaxenda trae á nosa memoria figuras ou feitos como o pintor Urbano Lugrís, o Holocausto, Rafael Dieste, Manuel Antonio, Castelao, o Día Escolar da Paz, o nacemento de Concepción Arenal ou o falecemento de Murguía. Viría ben que o profesorado lese a Axenda e tratase nas clases, aínda que fose someramente, estes feitos e figuras. Esa si que sería unha verdadeira clase de Educación para a cidadania galega.

Outro acerto desta axenda é que, contra o que acontece habitualmente neste tipo de publicacións, que aparecen como anónimas e sen autor, aquí si temos o nome da redactora e editora: Celia Torres. Parabéns para ela polo ben feita que está a Axenda 2014.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!