Menu Xerais

Unha biografía alicerzada nunha abondosa documentación: «Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía», de Xosé Luís Axeitos. Crítica de Miro Villar

O poeta Miro Villar recolle no seu blog unha recensión que publicou no número 216 da revista Grial sobre a biografía Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos. 

 

 

Unha biografía alicerzada nunha abondosa documentación

O profesor Xosé Luís Axeitos ten consagrado boa parte do seu concienciudo labor investigador a profundar na breve, e ben intensa, obra e vida do poeta Manuel Antonio(Rianxo, 1900-1930). De feito foi o editor literario da súa Poesía galega completa (Sotelo Blanco, 1992), na que exhumaba textos inéditos e corrixía grallas, vinte anos despois, da anterior edición do doutor García-Sabell (Galaxia, 1972), e tamén na colección Clásicos da Academia, que publicou a Fundación Barrié en convenio coa RAG, emprendeu a tarefa de compilar, anotar e editar toda a produción en tres volumes: Obra completa. Prosa (2012), Obra completa. Poesía (2014) e Obra completa. Epistolario (2015).

Alén doutros artigos e monografías da súa autoría, como unha guía de lectura poética, a ese proxecto totalizador hai que engadirlle esta biografía Manuel Antonio. Unha vida en rebeldíaque procurou o acubillo dunha editorial máis comercial (Xerais, na súa colección Crónica) co obxectivo de acadar unha maior divulgación entre o público lector e que amplía de maneira considerable os datos que o propio Axeitos dera a coñecer en Manuel Antonio (A Nosa Memoria, Xunta de Galicia, 2000).

O volume, con fotografía do poeta na cuberta, tirada en 1922 polo seu curmán Xosé Pérez González, está estruturado en oito capítulos, cada un deles seguido de varias páxinas con reproducións fotográficas e documentais, alén dunha Introdución e tres apéndices: Bibliografía, Crono-bio-bibliografía de Manuel Antonio e un Índice onomástico.

No limiar Axeitos narra o seu primeiro “encontro fuxidío debaixo da luz difusa dunha bombilla pública da estrada de Rianxo a Asados” coa obra do poeta, unha copia mecanoscrita do poemario De catro a catro realizada por Xosé Romero Bravo, aló nos anos sesenta. E prosegue o relato de como foi medrando nas décadas posteriores o seu interese na obra e na vida de Manuel Antonio, así como vai dando conta das fontes documentais e hemerográficas que foron consultadas, pois o poeta gardou papeis de todo tipo, algúns deles reproducidos nestas páxinas, que fan parte na súa maioría dun fondo que custodia a Fundación Barrié. Por parte, xustifica a escolla do título, pola “rebeldía” de militar no nacionalismo das Irmandades da Fala, minoritario na época fronte aos dous grandes partidos conservador e liberal, e pola “rebeldía” de procurar na súa poesía unha nova dirección experimental e innovadora fronte á estética dominante.

«Fervor de Rianxo» relata a mocidade do poeta no concello mariñeiro e nos dez anos que viviu en Padrón antes de que súa nai, dona Pura Sánchez, fose destinada como mestra en propiedade á aldea rianxeira de Asados en 1916. Axeitos descóbrenos toda a actividade económica, cultural, social e política do Rianxo da época, onde mesmo existiron catro periódicos, con datos de interese sobre moitas outras personalidades locais, entre as que salientan Castelao e Rafael Dieste. Na altura, Manuel Antonio como sobriño e afillado do alcalde e cacique local Manuel Pérez, desenténdese das liortas políticas localistas e principia a súa formación intelectual á sombra do ambiente cultural que latexaba e que o vai levar desde unha idade moi temperá a se achegar ao galeguismo.

«A familia e outros ancoradoiros sentimentais» revela unha completa xenealoxía sobre as persoas máis próximas a Manuel Antonio, de primeiras con dúas anotacións máis xenéricas, quer sobre a familia paterna, quer sobre a familia materna, antes de focalizar a atención na súa nai, Purificación Sánchez Vázquez, coa que mantivo unha intensa e complexa relación como testemuña o parágrafo final: “Ela, sempre en castelán; el, sempre en galego, como nas cartas intercambiadas. Ela católica e beata; el, descrido e afastado das prácticas relixiosas”. Deseguida son analizados o seu tío sochantre Xosé Sánchez Vázquez; o seu tío Valentín Losada Vázquez, párroco e moi conservador e o seu curmán Roxelio Pérez González, con quen mantivo unha relación moi estreita e con quen coincidiu na temperá vocación literaria e nos posicionamentos galeguistas, malia seren máis radicalizados no arredismo de Manuel Antonio. Outros amigos e familiares completan este percorrido que se pecha coa breve relación sentimental que mantivo coa súa veciña de Asados, Mercedes Rodríguez Pimentel, “coa que se carteou durante un ano”. Axeitos sinala a doenza que causará a morte do poeta como a causa principal que provocou o seu distanciamento.

Desde o punto de vista literario é obvio que o capítulo «Formación e lecturas» é o máis interesante, salientando que é moi autodidacta e que “a súa bagaxe intelectual é debedora da biblioteca, dos libros e dos faladoiros máis que das escolas”. Alén da súa lectura de centos de contos infantís de coleccións populares en castelán, Axeitos percorre a vida estudantil de Manuel Antonio, que non se caracteriza pola brillantez, pola súa aversión cara ao Latín e a Química. Esta inadaptación levouno a non poder continuar carreira universitaria, como boa parte dos seus compañeiros, e a derivar os seus estudos cara á formación como piloto na Escola Náutica de Vigo. Porén, o curso 1919-1920 vai converterse en fundamental na creación literaria, principia as colaboracións nos suplementos literarios da prensa da época e escribe moitos poemas, algúns deles que se integrarán na obra Cos anacos d’o meu interior. E as prácticas de navegación requiridas para o título de piloto han se revelar fundamentais á hora de escribir De catro a catro. O capítulo péchase cunha exhaustiva análise dos títulos de libros e publicacións periódicas da biblioteca persoal do poeta, que desde a súa heterodoxia axudan a comprender a súa poética. Tradutor de autores como Baudelaire, Poe, Rimbaud ou Verlaine, coñecedor profundo do modernismo e das revistas e dos manifestos de vangarda e lector de diversidade lingüística, con obras en galego, portugués, castelán, francés e inglés, tamén atesouraba centos de recortes de textos literarios ou de copias manuscritas, ás veces destinadas a circular entre as amizades e que o acreditan como un afervoado letraferido.

En «Navegante» descubrimos o capítulo náutico da vida de Manuel Antonio no pailebote Constantino Candeira, transportando mercadorías a peiraos mediterráneos; no paquebote holandés Gelria, que llepermitiu coñecer Río de Janeiro e Bos Aires, así como a diáspora galega, e no pesqueiro Arosa. Axeitos reproduce as anotacións diarias autógrafas dos seus cadernos de navegación en prácticas no Constantino Candeira, fundamentais á hora de entendermos De catro a catro (Follas d’un diario d’abordo). Por mor da fatalidade da súa doenza non chegaría a acadar o título de piloto.

«Os compromisos éticos de Manuel Antonio» céntrase en explicar a súa militancia política, desde as súas dúbidas adolescentes ata o seu arredismo, ideario que Axeitos sintetiza como antiimperialista e anticolonial. Así, con dezaoito anos, xa milita na sociedade anticaciquil e agrarista rianxeira Acción e publica tres artigos no voceiro agrarista padronés La Redención, con pseudónimo para non se enfrontar ao ideario conservador da súa familia. Porén, en 1918 reparte o Manifesto da Asembleia Nazonalista de Lugo, en 1919 principia unha correspondencia con Vicente Risco e desde 1920 vai militar na Xuventude Nazonalista de Santiago e un ano despois na Mocedade Galeguista de Vigo. Participará de xeito activo nos debates do galeguismo e asiste á IV Asemblea Nacionalista de Monforte. Prodúcelle desalento o enfrontamento fratricida entre o sector de Villar Ponte e o de Risco, aínda que está moito máis próximo ao primeiro.

Toda esta actividade política, como tamén a cultural, vai estar condicionada polos avatares que se relatan no capítulo «Marcado pola enfermidade», que principia así: “Arrecadei entre os papeis de Manuel Antonio un notable monllo de noticias relacionadas coa tuberculose” e no que Axeitos nos fala dos antecedentes familiares, de toda a súa conciencia e preocupación polos avances médicos e tamén dos episodios máis graves, como o que provocou a morte do poeta o 28 de xaneiro de 1930.

«Post mortem: infortunios e adversidade na transmisión da obra de Manuel Antonio» é a única parte que pode levantar poeira nesta biografía. Despois de sinalar que a recepción e a crítica do seu tempo non estiveron á altura da súa obra, debido á polémica que suscitou o manifesto Máis alá!, asinado con Álvaro Cebreiro, e de explicar que foi bastante marxinado pola cultura oficial, Axeitos teima en explicar as diferentes e frustradas tentativas de compilar a súa poesía completa, que só chegaron a cristalizar coa edición do doutor García-Sabell en 1972. E aquí é onde critica que non se lle permitiu consultar os manuscritos do poeta para a edición da súa Poesía galega completa e cualifica o suceso de “secuestro”, apoiando esta denuncia co seu propio epistolario, sempre sen resposta. Non remata aquí a acusación, xa que tamén se laia de non poder consultar en datas recentes o manuscrito da obra De catro a catro. Talvez sirvan estes dous episodios para evidenciar certo patrimonialismo que ás veces atranca os avances na investigación histórica ou literaria.

A obra remata cun «Final prescindible», que non o é tanto, onde se realiza unha exposición sumaria e conclusiva dunhas páxinas nas que Manuel Antonio é definido como: “observador, galego da costa, grande amigo, valente, destemido, boa persoa, arroutado, teimoso, firme, nacionalista comprometido, tabernario, conversador brillante, revolucionario, heterodoxo, solitario, bohemio, etc.” e a lectura confirma que Axeitos non fixo uso de ningún deses trazos caracterizadores sen que houbese un testemuño escrito ou oral que así o puidese documentar. Se hai biografías que optan pola ficción novelada, esta obra escolle a explicación rigorosa e a precisión nos datos, os máis deles do valioso fondo documental da Fundación Barrié, mais tamén de novidosas pescudas en arquivos dos familiares e veciños do poeta. Abofé que non é pouco.

Miro Villar

Comentarios pechados