Menu Xerais

Unha delicia: «Abecedario ilustrado», de Carles Cano. Crítica de Diana Pastoriza

O blog Palabras de man ao corazón, de Diana Pastoriza, publicou unha recensión sobre o álbum  Abecedario ilustrado, de Carles Cano.

 

 

Words in Books: Abecedario Ilustrado

“Un abecedario! O soño de calquera escritor, poder elixir unha palabra para cada unha das letras do alfabeto. Unha palabra fermosa, sonora, suxestiva, evocadora, imaginativa… A Palabra. Parece doado, verdade? Pois non, non é tan doado…”

Mais vale a pena o esforzo, pois os/as lectores/as gozamos do produto final: Abecedario ilustrado (2016) é unha delicia.

Cóllelo e pechas os ollos. Asimilas. Alzas a vista para poder enxergar a maxestuosidade. As descricións evocadoras emparelladas coas ilustracións de variadísimos estilos (participan 27 ilustradores españois e latinoamericanos) vannos amosando esa árbore frondosa que é a lingua e cada un dos seus gomos, as letras do abecedario, promesas de palabras sorprendentes, pólas vizosas.

E desde a letra A imos rubindo por esa árbore que nos ofrece acubillo:

Un amigo fíxome un agasallo 
cun lazo de dez puntas,
cando nas miñas costas puxo as súas mans ben xuntas.

Xa na súa copa, abrazados pola inocencia, confrontamos o coñecido: o bosque, o ceo, o faro na distancia. E cambia a nosa perspectiva do mundo, volvémonos nenos e bañámonos na pantomima, redescubrindo a palabra no xesto.

Coma os michos, rosmamos mentres a textura das palabras nos fai cóxegas nas puntas dos dedos: os cairos do elefante, as cordas tendidas da guitarra, as ás do kiwi,  o Sol do xilófono. Pedimos máis ñáñaras e doe chegar á Z. Pero tranquilos! Aínda queda o xogo:
“Gustaríame que ti, lectora, escribises o teu abecedario, coas túas palabras favoritas, aquellas que tardas secretamente para ti ou que regalas generosamente, aquellas que ao pronunciadas, escribilas ou oílas fan que che brillen os ollos e alégranche o corazón”.

Velaquí o meu: Agarimo – Bubela – Catavento – Delicado – Enxoito – Falcatruada – Gorentoso – Hucha – Inabalable – Loucura – Mar – Niño – Ñ? – Onda – Preto – Queixo – Rabelear – Saxofón – Tremelar – Único – Vindeiro – W? – Y? – Zafranada. Velaquí o de Alexandra.
E o teu? Xogas?

 

 

Deixa un comentario!