Menu Xerais

Unha fábula que fai fincapé na importancia de asumir as consecuencias dos nosos actos: «Quokka Moka», de María Solar. Anotación de Alba Piñeiro en «Versos e Aloumiños»

A escritora Alba Piñeiro publicou no blog Versos e Aloumiños, que dirixe Antonio García Teijeiro, unha anotación sobre o libro: Quokka Moka, escrito por María Solar e ilustrado por Víctor Rivas. O libro está publicado por Xerais na colección Merlín.

 

Quokka Moka, de María Solar

A xornalista e escritora María Solar estase a converter nunha das voces salientables dentro da nosa LIX pois nas súas achegas ao lectorado infanto-xuvenil latexa un transfondo social que convida á reflexión, que leva os seus lectores a formularse moitas situacións reais. É pois unha literatura comprometida coa sociedade e que aposta por un futuro mellor, máis plural e equitativo.
Quokka Moka é unha fábula que nos fai reflexionar sobre a convivencia entre as mesmas e as diferentes especies, sobre a vida individual e social, facendo fincapé na importancia de asumir as consecuencias dos nosos actos e a súa repercusión nos demais que nos rodean.
Quokka Moka é a protagonista e pertence a unha especie que presenta un trazo único no mundo animal, sempre sorrí. Aínda que esta particularidade non se corresponde co seu estado anímico, pois, ás veces, está triste ou enfadada pero o seu rostro mantén un sorriso. Ao longo dos 14 capítulos imos descubrir como Quokka sen querelo, pero grazas ao seu comportamento egoísta, insolidario e despreocupado vai provocar que a súa especie case se extinga. Por iso a súa avoa decide levala con ela nunha viaxe ata o Antiuniverso  para que se decate da importancia dos actos, do engano que supoñen as aparencias e o necesario que é a amizade, a xenerosidade e o respecto.
O feito de que estea escrita cunha linguaxe clara, directa, expresiva e adubada con grandes dose de humor, fai que os lectores máis novos se identifiquen coa historia.
As ilustracións coloridas e vivas de Víctor Rivas están en sintonía  co ton textual.
Páx.110: “…estabamos todos reunidos dentro para decidir botala do tobo por insoportable, rabuda e egoísta…”
Páx.125:  “Eu serei sempre a túa amiga. Dáme igual o que sexas. Sabes canto te quero”
Páx.142: “Pero agora tamén lle importaban outras cousas e outras persoas…As cousas normais tíñanlle importancia, e tamén respectaba o que era importante para outros”

Alba Piñeiro

Comentarios pechados