Menu Xerais

Unha fantástica proposta literaria que agasallará entretidos momentos aos lectores: «Fábulas contadas», de Gonzalo Navaza. Crítica de Antonio García Teijeiro en «Versos e aloumiños»

Antonio García Teijeiro publicou no seu blog Versos e Aloumiños unha anotación sobre o libro: Fábulas contadas, de Gonzalo Navaza, con ilustracións de Orelí Pello, publicado por Xerais na colección Sopa de Libros.

 

«Fábulas contadas», de Gonzalo Navaza

 

Como moi ben di Antonio Reigosa no limiar deste fermoso libro, Fábulas contadas, de Gonzalo Navaza, “as fábulas seguen sendo útiles para avivar a esperanza humana. Exaltan a natureza, combaten a prepotencia, o medo estéril e a forza bruta, eloxian a intelixencia e a vida”. Non podo estar máis de acordo con estas palabras. As fábulas avisan, poñen diante das persoas a súa estupidez, critican os que fan do poder inxustiza e son divertidas e mordaces.

     Gonzalo Navaza escribe, en verso, co seu inmenso saber poético, algunhas fábulas ben coñecidas. E faino coa mestría de quen coñece a forza dos versos ben empregados e o humor que respiran estes pequenos relatos de intención moralizante. Agradécese este exercicio poético que permite aos lectores e lectoras desfrutar da música e do ritmo dos versos xunto á historia que se conta.

     Quen non coñece a fábula da raposa e as uvas? Pois na versión de Navaza resulta un pracer. E remata así: “A fábula conclúe sentenciosa / que igual ca nesta historia da raposa, / hai en todas as partes / moitos parvos renartes / que dan en desprezar / as uvas que non poden alcanzar.”

     E vemos a ingratitude na fábula do aldeán e a cobra, percibimos como a cobiza fura o saco na da galiña dos ovos de ouro; o pracer que se sente cando o enganador acaba enganado que vemos nidiamente na fábula do galo e da raposa e, dende logo, a importancia de ter unha certeza, mais, moito mellor, dúas certezas.

Así son as fábulas. Ispe o ser humano e amosan os seus defectos e tamén poñendo riba da mesa as calidades morais positivas como a xenerosidade, a sensatez, o esforzo ou serenidade entre moitas outras.

Gonzalo Navaza consegue solventar moi ben os atrancos que escribir estas fábulas en galego pode supoñer e faino cunha graza que nos encanta. As fábulas nunca nos deixan indiferentes, convidan a reflexionar e non perden a vixencia porque as custións morais do ser humano perviven a través dos séculos.

     O traballo de ilustración de Orelí Pello é magnífico, cun cromatismo variado, dotado de vida que realza, con humor, o conxunto poético e estético. Esta ilustradora francesa afirma que en Fábulas contadas usa recursos como a metonimia ou a metáfora visual, xoga coa relación de escala, cos puntos de vista e usa o branco para compoñer.

     Fábulas contadas é unha fantástica proposta literaria que, sen ninguna dúbida, agasallará entretidos momentos aos lectores e lectoras.

Comentarios pechados