Menu Xerais

Unha Galicia próxima pero esquecida: «Cuarto minguante», de Bautista Álvarez. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet unha recensión crítica sobre a novela Cuarto minguante, de Bautista Álvarez.

Dunha Galicia próxima, mais esquecida

Bautista Álvarez ofrécenos nesta novela a imaxe dunha Galicia aínda próxima, mais que hoxe parece esquecida. É a Galicia rural do interior, neste caso da provincia de Ourense, dos anos cincuenta e sesenta do pasado século profundamente marcada polo fenómeno da emigración. Como diciamos aquí a propósito do anterior libro publicado por Bautista Álvarez, Retallos daquela infancia, estamos perante unha épica popular anónima, a dos emigrantes dos cincuenta e sesenta, tan ben representados neste Cuarto minguante polo seu protagonista Ismael.

Como xa fixo na obra anteriormente comentada aquí, a novela inspírase nas vivencias do propio autor no concello ourensán do San Amaro e a súa contorna nos anos cincuenta e sesenta. Dun xeito realista, sen falsos idealismos, pero cunha boa dose de sentido do humor, o autor presenta a dureza da vida nos cincuenta e sesenta no seu San Amaro natal e contorna, profundamente marcado pola emigración a América, nos cincuenta,e, a partir dos sesenta, a Europa, neste caso Suíza.

O autor presenta a épica do emigrante Ismael, primeiro en América e despois en Suíza. O triunfo perseguido por este heroe épico é algo tan humilde como edificar unha casa de seu unha vez retornado da emigración. O rural que aquí nos presenta Bautista Álvarez non é nin tremendista nin idealizado, ao xeito da xeración Nós ou Cunqueiro. É o rural daqueles anos tal e como era, con boas e malas persoas, como acontece en todas as partes e marcado, nos cincuenta e sesenta, aínda pola pobreza da posguerra. Ao que quería progresar non lle quedaba moitas veces outra que emigrar. Xa digo é a épica realista da emigración nos cincuenta e sesenta.

Na técnica narrativa non usa o autor, como xa indicamos cando comentamos aquí a anterior Retallos daquela infancia, requintamentos. É un narrador tradicional e omnisciente en terceira persoa. Mais, cando o lemos este narrador dános a impresión de actuar coma aqueles e aquelas que no rural daqueles anos referían as novidades dos veciños e veciñas, desde as enfermidadas ás aventuras da emigración, nas xuntanzas espontáneas ao atoparse nos camiños ou mesmo ao parolar nos sentadoiros ao fresco no verán ou a carón do lume no inverno. Eu que vivín de neno-adolescente no espazo xeográfico desta novela lembro perfectamente eses narradores/as que, para min, reproduce o narrador desta novela de Álvarez.

Acerta así mesmo Álvarez cando trata a emigración, vista, evidentemente como un mal, mais non como un mal absoluto. Os emigrantes atopan, sobre todo en Europa, unha forma de vida, uns dereitos ou ata uns patróns que son impensables daquela en Galicia. Non é estraño que reproduza unha frase que se atribúe aos que embarcaban nos cincuenta cara a América no célebre transatlántico Santa María: Aí vos quedades, aí vos quedades, entre curas, frades e militares (páx. 44).

Xa que logo, visión realista da Galicia interior rural e emigrante dos anos cincuenta-sesenta centrada no concello de San Amaro e na súa contorna. Como xa dixen, constitúe esta novela unha épica dos humildes daquel tempo contada por un narrador popular, ao xeito dos que por aqueles anos referían e comentaban as novidades nas xuntanzas e parladoiros da aldea. Algúns, coma quen isto escribe, agradécenlle ademais ao autor que inmortalice para a literatura lugares como Xubín, Trasariz, Razamonde… ou mesmo personaxes coñecidos desta zona como o taxista-hostaleiro de Barbantes Adolfo da Mineira ou o mítico mestre de Trasariz don Ernesto… Mesmo resulta identificable o xefe local de Falanxe de Cenlle que non lle quería vender o sulfato ao parente de esquerdas, con alcume e todo. E di isto quen é fillo de alguén nado en Xubín e cuxos pais e tíos foron alumnos do mestre don Ernesto que, sen nome, se cita nesta novela. Seria moi útil o comentario desta novela nos institutos do Carballiño e Ribadavia polas referencias que hai a lugares de onde son moitos dos alumnos e alumnas destes centros como o San Amaro, Cenlle ou os propios Ribadavia e O Carballiño.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!