Menu Xerais

Unha gran proposta narrativa sobre as fronteiras da condición humana: «O bosque é grande e profundo», de Manuel Darriba. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no seu blog unha recensión crítica sobre O bosque é grande e profundo, de Manuel Darriba.

 

O bosque é grande e profundo, de Manuel Darriba

Chego con certa demora a este último libro do xornalista e narrador lucense Manuel Darriba titulado O bosque é grande e profundo, pero chego e lamentaría que así non fose pois teño para min que esta proposta constitúe unha das novelas máis singulares e interesantes entre as que viron a luz no ano 2013, amais de situala, persoalmente, entre o máis salientable da produción de Darriba.

      O discurso narrativo caracterízase por esa modulación esencialista e depuradora de todo o accesorio, talvez cun pulso máis rotundo, lostregueante e estilizado ca nunca, trazo igualmente presente en anteriores obras do autor pero nesta novela se callar máis conscientemente acentuado. Darriba, así pois, interna a quen se achegue a estas páxinas polos eidos dunha orixinal relectura ficcional da fábula de Hansel e Gretel, situándoa nunha clave distópica e apocalíptica onde non resulta difícil advertir como os espazos hostís deseñados nesa ollada que se proxecta ao futuro, a un posible futuro, se revisten dunha diáfana implicación simbólica, e mesmo política, que  convida, inevitablemente, ao exercicio da reflexión arredor do semántica dos conceptos de civilización e barbarie nun contexto onde devezo pola supervivencia guía o proceder dos protagonistas.

        A novela estrutúrase a través de dous grandes relatos diferenciados. No primeiro, «Hansel» é un viaxeiro que foxe da guerra e da Cidade, rodeado dunha auréola de misterio, para axiña encarreirarse cara a outros espazos simbólicos, no que salienta ese Bosque, onde a deshumanización e a frialdade no trato entre as persoas, tamén  a violencia e a ferocidade, alén das dificultades para establecer a comunicación, son elementos primordiais que configuran ese universo marcado pola devandita vontade de supervivencia;  ao tempo, no segundo dos relatos permítese que nos asomemos á Cidade, ou ao que queda desa Cidade post-apocalíptica,  onde unha nena, «Gretel», e a súa profesora tentan resistir e mais loitar contra as funestas e tráxicas consecuencias que provoca a guerra desde un soto que lles serve de acobillo.

     Teño para min que esta novela de Darriba é unha gran proposta narrativa, con esa profunda significación que ditan as fronteiras da propia condición humana. Parabéns.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!